O CPEIG celebra o Día da Protección de Datos con actividades divulgativas e consellos de utilidade

martes, 27 de xaneiro do 2015 Redacción

Fernando Suárez, presidente do CPEIG, nunha imaxe de El Correo Gallego de Antonio Hernández

Este mércores 28 celébrase a nivel internacional o Día Europeo da Protección de Datos e unha das entidades galegas máis activas á hora de salientar o valor do coñecemento e a comunicación nas mellores condicións posíbeis, o CPEIG, vai celebralo con actividades divulgativas unidas baixo o nexo común de “pór de relevo unha serie de recomendacións dirixidas á cidadanía en xeral”. Entre as accións previstas atópase un stand informativo que estará no Centro Comercial Compostela de 19 a 22.00 horas atendido por unha colexiada, quen lles explicará aos clientes de El Corte Inglés como salvagardar os seus datos persoais.
Ao fío da dita celebración e aproveitando as cuestións quen pon de relevo, o Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia considera de “moito interese” que a sociedade galega “tome conciencia da necesidade de incorporarse á cultura da protección de datos”. En base a isto, o CPEIG divulga unha listaxe de consellos para contribuír a “unha Sociedade da Información na que a cidadanía debe ser consciente tanto de todas as oportunidades coma dos riscos que ofrece a Internet”. A continuación, damos conta das devanditas recomendacións:
· Antivirus. Cómpre actualizar decote o software antivirus e de seguridade. Tamén é preciso configurar o software do navegador coas opcións de seguridade máis restritivas.
· Executábeis. O CPEIG recomenda non descargar programas executábeis ou ficheiros que sexan susceptíbeis de conter “software malicioso”. É axeitado que protexamos o noso equipo con programas “devasa” e de detección e eliminación de “software espía”.
· Identificadores. O intercambio e a entrega de datos de carácter persoal e bancarios debe efectuarse nos sitios web que dispoñan de protocolos seguros e de política de privacidade. Nunca debemos achegar información sobre os nosos identificadores de usuario e moito menos sobre as claves de acceso. O CPEIG aconsella: “Sexa especialmente rigoroso en avisos de sorteos, ofertas telefónicas ou promocións comerciais de calquera tipo”.
· Contrasinais. Debemos manter contrasinais distintos para cada web ou servizo que sexan de abondo longos e difíciles de adiviñar. Temos que procurar non usar o PIN dunha tarxeta de crédito, nin a data de nacemento, nin palabras do dicionario ou diminutivos. Conveñen palabras nas que se combinen maiúsculas, minúsculas, números e outros caracteres especiais permitidos, ("iogur.de#piña", "meu-can.ch4mase-Roque") que nos sexan doados de lembrar aínda que difíciles de adiviñar a un terceiro.
· Wi-Fi. O CPEIG aconsella emprestar particular atención ás redes sen fíos abertas. A información vai sen protección, logo é susceptíbel de ser interceptada e utilizada con fins non autorizados. É doado obter os datos de acceso da gran maioría das redes. Recoméndase usar os últimos protocolos dispoñibles cando sexa posíbel (WPA/WPA2).
· Buscadores. Debemos ter en conta que o uso dun buscador xera tratamentos de información, que serán empregados como mínimo para ofrecer anuncios personalizados. Convén coñecer as políticas de uso do buscador que máis empreguemos. Os buscadores poden permitir obter perfís completos sobre a nosa información pública en Internet.
· Cookies. Borrar con regularidade as cookies e os arquivos temporais de Internet, así como o historial de navegación, especialmente cando se acceda a Internet dende un computador ao que teñan acceso outras persoas.
· Spam. No caso de recibirmos correos non desexados (spam), non debemos enviar unha resposta, xa que estaremos confirmando a validez do noso enderezo electrónico. É conveniente desactivar a opción que envía un acuse de recibo ao remitente das mensaxes lidas do sistema de correo electrónico
· Correo electrónico. Cando enviemos mensaxes de correo electrónico a diferentes destinatarios, cómpre empregar o campo “Con Copia Oculta (CCO)”. No caso de envíos masivos utilizar ‘listaxes de distribución’.
· Redes sociais. Debemos garantir a seguridade da nosa información nas redes sociais mediante unha configuración axeitada do noso perfil e empregando contrasinais. Non temos que esquecer que os buscadores poden permitirlle a un terceiro obter a información pública dos perfís.
· Imaxe. A imaxe é un dato de carácter persoal cuxa difusión ou acceso non autorizado pode ser particularmente molesto ou daniño. Ao publicar unha foto ou escribir nun foro podemos estar incluíndo información sobre outras persoas. Debemos ser conscientes de que temos que respectar os dereitos desas persoas.
· Cámaras web. Antes de instalarmos unha cámara web que reproduza imaxes na Internet, é de obriga que nos aseguremos de que a captación sexa o menos intrusiva posíbel. Asemade, temos que garantir a seguridade impedindo o acceso non autorizado a imaxes captadas por este tipo de cámaras.
· Nenez. Cómpre educar a nenas e nenos no uso seguro das redes e acompañalos na súa navegación. Cómpre adoptar medidas de seguridade física e informáticas para os cativos, como a situación do ordenador na casa ou unhas horas determinadas de uso.

PUBLICIDADE