O CPEIG celebrou a Noite da Enxeñaría en Informática premiando o máis salientable do seu sector

luns, 7 de outubro do 2013 Redacción

O pasado venres o Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) celebrou a súa V Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia, encontro que sirve para xuntar a moitos dos seus colexiados e a numerosos representantes de distintos ámbitos profesionais e sociais da nosa comunidade, en boa medida porque nesta velada fanse entrega dos premios anuais dos que fai entrega o Colexio, e que serven para destacar distintas iniciativas relacionadas co mundo da Informática no ámbito galego.
O acto estivo presidido por Alberto Núñez Feijoo, quen quixo salientar que Galicia conta cun sector TIC capaz e cualificado e cunha Administración pública “consciente e comprometida con facer da tecnoloxía un dos motores económicos desta década”. O presidente da Xunta resaltou as vantaxes da administración dixital ao sinalar que permite prestar un mellor servizo aos administrados, axiliza os trámites e acurta os tempos, e leva aparellado un aforro económica.
Na súa intervención, o titular da Xunta chamou a atención sobre o incremento do peso do sector TIC na Comunidade nos últimos anos, ata situar Galicia como a quinta autonomía en cantidade de firmas tecnolóxicas. Indicou que este eido profesional mantén os niveis de emprego pese á crise, con 15.000 traballadores desde 2010, a maioría deles profesionais cualificados. E, ademais, subliñou que os emprendedores do campo tecnolóxico apostan cada vez máis polo potencial da innovación, pois nos últimos tres anos aumentou en máis dun 15% o número de empresas que desenvolveron actividades de I+D.

Premios do CPEIG


A velada contou como prato forte o acto de entrega os premios anuais do CPEIG, que conta con numerosas categorías:
• Premio Proxecto Fin de Carreira: Alberto Jaspe Villanueva, polo traballo Point Cloud Manager. Sistema multirresolución para o tratamento de grandes datasets de nubes de puntos 3D. O premio está dotado con 1.000 euros.
• Premio Iniciativa da Administración: Deputación de Pontevedra. Co obxectivo de garantirlles servizos de xestión e atención de calidade aos cidadáns, concellos e empresas, o organismo provincial comezou xa en 2008 un proceso de modernización tecnolóxica no que se enmarcan diversas accións que melloran a calidade de vida da poboación a través do uso das novas tecnoloxías.
• Premio Traxectoria Profesional: Roberto Baratta (Ourense, 1970), enxeñeiro informático, responsable de seguridade de Novagalicia Banco e CISO do ano 2012.
• Premio Ada Byron: Susana Ladra, enxeñeira e doutora en Informática pola Universidade da Coruña. Actualmente é profesora contratada doutora na Facultade de Informática da UDC e vicedecana de Organización Académica.
• Premio Iniciativa Empresarial: SetPay. Solución que se basea nos cobros con tarxeta desde o dispositivo móbil.
• Premio Iniciativa Emprendedora: Proxecto Rede de escolas na nube, baseada no emprego das TIC por mestres e mestras nunha contorna rural dispersa con cativos de entre 3 e 7 anos.
• Mención especial para a Asociación PuntoGal: pola recente consecución do dominio .gal.
Sobre este último galardón, queremos destacar que o presidente da Asociación PuntoGal, Manuel González González, foi o encargado de recoller o premio da man do presidente da Xunta. González salientou o apoio da comunidade da Enxeñaría en Informática e do sector TIC galego en xeral para conseguir que a ICANN aprobase o dominio galego para a lingua e a cultura galegas, engadindo que "hai quen trata de mirar os demais sempre desde arriba, desde o alto, desde unha posición de superioridade; hai outros que se resignan a ver o mundo desde abaixo, de xeonllos, submisamente; a nós non nos gusta nin unha actitude nin a outra: queremos mirar os demais fronte por fronte, en pé de igualdade. Dentro duns meses, grazas a este dominio .gal poderemos empezar a mirar os demais á altura dos ollos".
Agárdase que a primeiros de 2014 poda abrirse o rexistro de dominios co sufixo .gal.

PUBLICIDADE