O CPEIG colabora nunha xornada de ciberseguridade dirixida ás Forzas e Corpos de Seguridade

martes, 21 de marzo do 2023 Redacción

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) colabora na celebración dunha xornada de formación sobre ciberseguridade organizada hoxe martes pola Delegación do Goberno en Galicia no Centro Obra Social ABANCA de Santiago (Auditorio de Cervantes). O presidente do CPEIG, Fernando Suárez, participou na sesión inaugural da xornada, presentada pola subdelegada do Goberno na Coruña, María Rivas, e na que interviñeron o delegado do Goberno en Galicia, José Miñones; o alcalde de Santiago, Xosé Antonio Sánchez Bugallo; o presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP), Alberto Varela; o Xeneral Xefe da Garda Civil de Galicia, Miguel Ángel González Arias; o Xefe Superior da Policía Nacional de Galicia, Ramón Gómez Nieto; e o director de Prevención de Perda, Continuidade de Negocio e Seguridade de ABANCA, Roberto Baratta.
Fernando Suárez manifestou que a transformación dixital está ocorrendo a unha velocidade vertixinosa, moito máis rápido que a capacidade humana para adaptarnos a novas situacións, e os últimos avances como a web semántica ou o metaverso así o corroboran. Suárez apuntou que “esta nova realidade é un escenario de todo o bo que sabe facer o ser humano, pero tamén de todo o malo e o crime estase aproveitando desa brecha entre a velocidade coa que avanza a tecnoloxía e a capacidade das persoas para adaptarnos ao cambio”, destacando tamén a importancia da ciberseguridade e que “non hai un minuto que perder, nin escatimar recursos e coa imprescindible colaboración e intercambio de información en tempo real”. Indicou que é fundamental concienciar ás persoas sobre os novos comportamentos para a prevención e denuncia, pero tamén é imprescindible proporcionar á sociedade as ferramentas que garantan esa seguridade.
“Na última década, as infraccións penais relacionadas coa ciberseguridade incrementáronse en España máis dun 770%. Tamén houbo no Estado máis de 40.000 ciberataques diarios en 2021, o que significou un incremento dun 125% con respecto ao 2020. En Galicia, as estafas telemáticas crecen a un ritmo dun 50% anual. É previsible que esta evolución de carácter practicamente exponencial se manteña, segundo advirte a Unión Europea” –analizou–.
Ademais, matizou que o CPEIG é consciente dos retos e oportunidades que se xeran ao redor da ciberseguridade e apoiará iniciativas divulgativas como a celebrada hoxe e outras como a creación da Rede Galega de Ciberseguridade, o Tegra (centro de ciberseguridade creado por Telefónica e Gradiant), o capítulo galego da asociación ISMS Forum ou o Nodo de Ciberseguridade de Galicia. A nivel formativo, lembrou a creación do Máster Universitario de Ciberseguridade das Universidades de Coruña e Vigo.
Todas elas accións que contan coa colaboración do CPEIG, ao igual que na iniciativa para a mellora das capacidades dos Corpos e Forzas de Seguridade mediante a formación no marco do Plan director ou da creación das Equipos @, merecedores do Premio Iniciativa da Administración da XIV Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia do CPEIG, celebrada en 2022. “Galicia dispón de grandes profesionais e empresas tecnolóxicas e, en concreto, no mundo da seguridade, polo que debemos situarnos como referente neste sector e transmitir á cidadanía confianza no uso dos medios tecnolóxicos que forman parte da nosa vida cotiá” –asegurou Suárez–.
A continuación celebrouse unha mesa de debate dirixida a integrantes das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado (Policía Nacional e Garda Civil). Contou coa participación da vogal da xunta de goberno do CPEIG, Pilar Vila Avendaño; ademais de contar do responsable de ciberseguridade e CISO ABANCA, Carlos Pérez Saldaña; o Inspector xefe da Policía Nacional, Santiago Reboyras Martínez; e o Sarxento 1º da Gardia Civil e xefe de equipo APR contra a ciberdelincuencia na Coruña, Alberto González Gómez.
Pilar Vila Avendaño falou da cadea de custodia de evidencias dixitais, a súa necesidade nos procesos xudiciais, ademais de comentar como obter, precintar, depositar e clonar a información para poder dar garantías e defender a integridade da proba.
Finalmente, a xornada foi clausurada por María Rivas e a vicepresidenta da FEGAMP, María Barral.

PUBLICIDADE