O CPEIG distingue as salientábeis traxectorias de Torus Software e Igalia

xoves, 22 de maio do 2014 Redacción

O equipo de Torus nunha imaxe de Víctor Echave para a Opinión da Coruña

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) segue adiante dando a coñecer os premios que entregará na súa Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia, programada para o vindeiro 13 de xuño. Se hai uns días falamos do recoñecemento da plataforma `profesional a TADEGa, por unha banda, e a Domingo Molina e Jacinto Canales, pola outra, agora é a quenda das empresas tecnolóxicas galegas Torus Software Solutions (Torusware) e Igalia, que recibirán na dita celebración os premios Iniciativa Emprendedora e Iniciativa Empresarial, respectivamente, concedidos polo Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia.
Segundo fai saber o CPEIG, “ambas as dúas empresas, con sede na Coruña, representan dous casos de éxito promovidos por enxeñeiros en Informática”. Torusware, elixida como mellor iniciativa emprendedora polos colexiados a través dunha enquisa no portal do CPEIG, constituíse en 2013. “Esta spin-off da Universidade da Coruña”, explican os enxeñeiros galegos, “naceu para a comercialización dun conxunto de tecnoloxías desenvolvidas polo grupo de investigación do Grupo de Arquitectura de Informática nos últimos 10 anos”. A compañía, engaden, desenvolve e comercializa solucións de software para reducir os tempos e maximizar resultados de negocio a través da computación de alto rendemento, centros de datos empresariais, web 2.0, a nube, o almacenamento e os servizos financeiros.
As principais áreas de aplicación son a informática, a enerxía, a I+D, a defensa e os servizos financeiros, en contornas nas que o tempo de resposta ou o custo de funcionamento da infraestrutura é un elemento crítico no sistema de información. A firma foi posta en marcha por Guillermo López e Ramón Coallo, co apoio do Fondo de Ciencia da Fundación Barrié.
“Cómpre sinalar”, explica o CPEIG, “que Torusware conta no seu equipo con dous enxeñeiros en Informática que mereceron o recoñecemento do CPEIG polos seus proxectos Fin de Carreira”. Por unha banda Daniel Fernández, premiado en 2011, e pola outra Roberto Rey, galardoado en 2010. O premio Iniciativa Emprendedora do CPEIG súmase “aos numerosos recoñecementos obtidos por esta compañía na súa curta traxectoria”, como son o de Mellor Empresa de Base Tecnolóxica no certame da USC ou o último Venture Network Vertical, do IE Business School. Por outra banda, tamén recibiu o ano pasado unha importante distinción da Embaixada Británica, como sinalamos dende Código Cero.

O equipo da firma galega Igalia

Polo que atinxe a Igalia, sinalar que foi posta en marcha en 2001 na Coruña da man de dez enxeñeiros en Informática. A súa idea común foi a de “crear unha empresa baseada na cooperación, a innovación, a responsabilidade compartida e o software libre”. Arestora a firme ten un equipo de 40 persoas que traballan desde oficinas de diversas cidades de España e doutros países, como os Estados Unidos, Corea, Finlandia e Suíza, ofrecéndolles os seus servizos a clientes de todo o mundo”.
O CPEIG lembra que “tras comezar como empresa especializada en plataformas de software libre, Igalia soubo adaptarse ás necesidades do mercado e, hai tres anos, orientou o seu negocio ao desenvolvemento dos motores web Webkite e Blink, que se usan como base dos navegadores Safari e Google Crome; isto permitiulles converterse na primeira empresa consultora independente para servizos de mellora do navegador, cun volume de vendas anual que rolda os dous millóns de euros”. Os enxeñeiros en Informática tamén salienta a aposta de Igalia pola Responsabilidade Social Corporativa, cun investimento do 0,7% da súa facturación en distintas ONG (compromiso solidario do que tamén falamos en detalle dende Código Cero) e a creación do Premio Fin de Carreira en Software Libre. Ademais, forma parte da Asociación Galega de Software Libre (AGASOL) e de fundacións internacionais como Linux Fundation, Gnome, Genivi e W3C.

PUBLICIDADE