O CPEIG e Innovación traballarán para afianzar o uso da sinatura electrónica

luns, 13 de outubro do 2008 Fernando Sarasketa

En cuestión de emprego das redes para facer nelas o que decote se fai pola vía tradicional, aínda queda por facer. En boa medida, o que fai falla é máis labor de divulgación en todos os niveis da sociedade, tarefa que pasa sobre todo por achegar casos de éxito e por salientar dous conceptos clave: comodidade e seguridade. Disto trata en boa medida a actividade que están a pór en marcha o Colexio Profesional de Enxeñería en Informática (CPEIG) e máis a Consellería de Innovación: unha actividade que no xenérico irá encamiñada a afianzar en Galiza o emprego das ferramentas da Sociedade do Coñecemento.
Para ir dándolle corpo ao acordo conxunto, en breve levarase a cabo o proxecto piloto de emprego e aplicacións da sinatura electrónica e dos certificados dixitais. Asemade, o CPEIG e Innovación traballarán xuntas na organización das Xornadas de Difusión sobre o Impacto das TIC no Exercicio do Xornalismo. Estas actuacións terán un respaldo orzamentario de 46.7000 euros.
Polo que respecta ás devanditas actividades en materia de afianzamento dos certificados dixitais e da e-sinatura, dicir que se dirixe sobre todo a promover o seu uso axeitado entre os/as profesionais da Enxeñería de Informática. “Tanto un recurso como outro”, sinalan os asinantes, “son instrumentos clave para o desenvolvemento da Administración electrónica e das actividades comerciais e industriais dunha sociedade na que as transaccións de toda índole estarán baseadas en procesos remotos que garantan a identidade, integridade e confidencialidade”.
Nesta liña de divulgación insírese outro aspecto do proxecto: o desenvolvemento de módulos de software para o uso de sistemas de identificación sobre certificados dixitais para a plataforma de portais Drupal, unha das de maior uso na Rede.
Por outra banda, e ao abeiro do mesmo convenio, o CPEIG organizará en breve as Xornadas de Difusión sobre o Impacto das TIC no Exercicio do Xornalismo, para debater e afondar no impacto que teñen hoxe as TIC no labor xornalístico.

PUBLICIDADE