O CPEIG e a Xunta convocan o 8º concurso literario infantil e xuvenil sobre protección de datos

luns, 29 de xaneiro do 2024 S. P.

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) e a Xunta de Galicia, a través da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, convocan o VIII Concurso literario infantil e xuvenil sobre a protección de datos con motivo do Día Europeo da Protección de Datos, que se conmemorou onte domingo, 28 de xaneiro. O certame está dirixido a nenas e nenos de 5º e 6º de Primaria e alumnas e alumnos de 1º a 4º de ESO.
Ambas as dúas institucións consideran de “moita importancia que a sociedade galega tome conciencia da necesidade de incorporarse á cultura da protección de datos, nomeadamente os menores de idade”. Sinalan que “actualmente cómpre promover o coñecemento entre a cidadanía sobre cales son os seus dereitos e responsabilidades en materia de protección de datos”.
Os estudantes poderán presentar ao certame diversos xéneros literarios como o artigo xornalístico, exposición divulgativa (entrada de blogue ou artigo de divulgación), conto ou relato curto, todos obras inéditas escritas en lingua galega. Estes traballos deberán responder a preguntas como “Que é para ti a protección de datos, como afecta no teu día a día?, como podo protexer os meus datos?”. Os textos de referencia serán o Protocolo de Protección de Datos da Consellería de Cultura, Educación e Universidade e as publicacións da Axencia Española de Protección de Datos.
Os traballos deberán presentarse en formato dixital en PDF, cunha extensión de entre 1.000 e 2.000 palabras para as categorías de 1º e 2º de ESO e 3º e 4º de ESO, e de entre 800 e 1.000 palabras para a categoría de 5º e 6º de Primaria. Cada concursante poderá presentar ao certame cantos traballos desexe. O prazo para presentalos estará aberto ata as 15:00 horas do 28 de febreiro. As persoas titoras enviarán os traballos do seu alumnado ao correo electrónico premioliterario@cpeig.gal.
Haberá un premio para a categoría de 5º e 6º de primaria, outro para a categoría de 1º e 2º de ESO, e outro para a categoría 3º e 4º de ESO, que consiste nunha tableta para o autor ou autora e un kit de robótica para a súa aula. Ademais, aquel centro que conte con maior participación recibirá un recoñecemento especial da organización.
O fallo do xurado, composto por membros nomeados polas entidades convocantes, daranse a coñecer no mes de marzo. Pódense consultar as bases da convocatoria nas páxinas web das institucións convocantes, CPEIG e Consellería e Educación e Cultura.

PUBLICIDADE