O CPEIG, entre os axentes do sector TIC que colaboran en dar forma á nova Axenda Dixital

martes, 2 de decembro do 2014 Redacción

Entre as entidades representativas do noso sector TIC que están a xuntar forzas con AMTEGA para dar forma definitiva á vindeira Axenda Dixital de Galicia atópase (entre outras) o Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG). Sen ir máis lonxe, o presidente da entidade profesional, Fernando Suárez, participou este 1 de decembro na xuntanza que organizou a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) cos nosos axentes do sector para abordar de forma conxunto os desafíos aos que nos enfrontamos no ámbito tecnolóxico no horizonte 2020.
Da xuntanza dimos conta onte en Código Cero, salientando que o seu obxectivo principal era o de recadar ideas e reflexións de alto valor. No seu transcurso, a directora da AMTEGA, Mar Pereira, trasladoulles aos representantes do sector a importancia de abordar de forma conxunta estes aspectos desde o ámbito autonómico para asegurar “a toma de decisións cun claro impacto na contorna galega, dar resposta aos desafíos tecnolóxicos específicos aos que se enfronta Galicia e dotar á Comunidade dos mecanismos necesarios para afrontar as oportunidades tecnolóxicas de crecemento que brinda o novo período”. Segundo nos lembra o CPEIG, amais do intercambio de ideas e reflexións recollidas na reunión deste 1 de decembro, a AMTEGA remitiralles aos axentes do sector tecnolóxico un formulario para canalizar as súas achegas que serán valoradas de cara á conformación final da Axenda Dixital de Galicia 2020.
Lembrar que unha parte dos retos aos que se afronta a Axenda xa foron expostos o mes de xullo no seminario Axenda Dixital Europea e Redes Transeuropeas, coordinado por Francisco García Morán, conselleiro xefe en TIC e ex director xeral de Informática da Comisión Europea e o presidente do Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG), Fernando Suárez Lorenzo, Neste seminario, a directora da AMTEGA avanzou que na elaboración desta nova estratexia dixital o seu departamento contará coa achega de expertos, das administracións e da sociedade galega, apostando por un modelo de intelixencia colectiva para acadar unha estratexia de todos e para todos os galegos.

PUBLICIDADE