O CPEIG ilustra aos escolares de Sanxenxo sobre as vantaxes e os riscos das redes

xoves, 25 de xaneiro do 2018 Redacción

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) impartirá hoxe 25 de xaneiro unha charla no CEIP Noalla-Telleiro (Estrada. da Lanzada, 140. Noalla) de Sanxenxo, sobre os aspectos positivos e enriquecedores das redes sociais e Internet e sobre os riscos derivados dun mal uso destas tecnoloxías. O coloquio, organizado polo colexio, a AMPA O Telleiro e a Asociación de Veciños San Esteban de Noalla, celebrarase ás 20:30 horas na biblioteca do centro escolar.
A xornada informativa, dirixida a escolares, pais, nais ou titores, organízase con motivo do Día da Protección de Datos (efeméride que se conmemora o 28 de xaneiro, promovida polo Consello de Europa, a Comisión Europea e todas as autoridades de protección de datos dos países membros da Unión Europea), e estará impartida polo colexiado Iván Luis Vázquez, quen avaliará a evolución da nosa sociedade cara ao dixital, e na que xorden termos como o nativo dixital ou os nacidos a partir de 1980 e o inmigrante dixital ou aquelas persoas que naceron entre 1940 e 1980.
Porén, de maneira máis ampla, Iván Luis explicará que é Internet e os seus usos como un medio de comunicación para “informar, comunicar e entreter”. Ademais, analizará a influencia das redes sociais, falando de conceptos como a identidade dixital ou a pegada dixital.
Iván Luis tamén falará dos perigos dun uso incorrecto de Internet, un emprego sen a debida formación previa, “desde o feito de consumir ou xerar contido desaxeitado ou falso, sentir a obriga de estar sempre conectado e sufrir roubo de información ou suplantación de identidade”. Ademais, fará especial fincapé en “algo máis cotián, pero non menos perigoso” como é a perda da intimidade, privacidade e confidencialidade, onde xorden delitos como o coñecido ciberbullying no que rapaces e rapazas empregan as redes sociais e a mensaxería instantánea para agredir psicoloxicamente a outro rapaz. Por outra banda, comentará outro delito de acoso sexual a menores coñecido como grooming, ou a práctica de producir ou reenviar contidos eróticos ou pornográficos de menores.
Segundo o estudo Screening do uso problemático de internet entre os adolescentes da comunidade galega, elaborado en 2014 pola Xunta de Galicia, a Universidade de Santiago e o Valedor do Pobo para coñecer os hábitos de uso de Internet entre os estudantes de ESO en Galicia (255 centros participantes e 44.051 adolescentes de 12 e 17 anos), un 71% dos enquisados afirmaron que usaban a diario internet, o 13,5% conéctase máis de 5 horas ao día (22,9% no fin de semana) e un 81% accede a través do seu móbil.

PUBLICIDADE