O CPEIG lanza un chamamento a prol dun uso responsábel de Internet

luns, 5 de febreiro do 2018 Fernando Sarasketa

Co gallo da celebración (este 6 de febreiro) do Día Internacional de Internet Segura (a nivel internacional, Safer Internet Day), promovido pola Comisión Europea e organizado por Insafe, o Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) vén de emitir un comunicado que ten a tripla finalidade de (primeiro) adherirnos aos galegos á devandita xornada, (segundo) de facer un chamamento a prol dun “uso responsábel e seguro das novas tecnoloxías” e (terceiro) de fornecer á cidadanía (especialmente aos máis pequenos, por ser os máis vulnerábeis) dunha serie de recomendacións e consellos que axuden a tirar o mellor proveito posíbel das novas ferramentas de comunicación e información.
No comunicado, o CPEIG considera “de vital importancia” que a sociedade galega faga un “uso responsábel e seguro das novas tecnoloxías”, e lembra que o lema desta nova entrega da celebración (Crea, conecta e comparte respecto: unha Internet mellor comeza contigo) transmite dunha maneira clara e inequívoca a devandita mensaxe entre os menores de idade e a mocidade, tal e como tamén a transmite o contido do programa Navega con Rumbo posto en marcha hai sete anos, e aínda en activo, polo CPEIG e a Consellería de Educación.
En concreto, o CPEIG considera “que os cidadáns deben tomar conciencia da necesidade de navegar pola rede de forma segura, protexendo os seus datos persoais durante as transaccións e compras en liña e incorporándose á cultura da protección de datos”.
Baixo estas premisas, o Colexio elaborou unha listaxe de recomendacións para que a cidadanía sexa consciente das oportunidades e riscos que ofrece a Internet:
· Antivirus. Cómpre actualizar decote o software antivirus e de seguridade. Tamén é necesario configurar o software do navegador coas opcións de seguridade máis restritivas.
· Executábeis. É preferíbel non descargar programas executábeis ou ficheiros que sexan susceptíbeis de conter software malicioso. Debemos protexer o equipo con programas “devasa” e de detección e eliminación de software espía.
· Identificadores. O intercambio e a entrega de datos de carácter persoal e bancarios deben efectuarse nos sitios web que dispoñan de protocolos seguros e de política de privacidade. Nunca debemos dar información sobre identificadores de noso e moito menos sobre as nosas claves de acceso. Sexa especialmente rigoroso en avisos de sorteos, ofertas telefónicas ou promocións comerciais de calquera tipo.
· Contrasinais. Cómpre manter contrasinais distintos para cada web ou servizo que sexan longos de abondo e difíciles de adiviñar. Debemos procurar non usar o PIN dunha tarxeta de crédito, nin a data de nacemento, nin palabras do dicionario ou diminutivos. Conveñen palabras nas que se combinen maiúsculas, minúsculas, números e outros caracteres especiais permitidos, ("iogur.de#piña", "meu-can.ch4mase-Roque") que resulten doadas de lembrar aínda que difíciles de adiviñar a un terceiro.
· Wi-Fi. Particular atención ás redes sen fíos abertas. A información vai sen protección, logo é susceptíbel de ser interceptada e utilizada con fins non autorizados. É doado obter os datos de acceso da gran maioría das redes. Recoméndanse usar os últimos protocolos dispoñíbeis cando sexa posíbel (WPA/WPA2).
· Buscadores. Cómpre que teñamos en conta que o uso dun buscador xera tratamentos de información, que serán empregados como mínimo para ofrecer anuncios personalizados. Convén coñecer as políticas de uso do buscador que máis empregue. Os buscadores poden permitir obter perfís completos sobre a nosa información pública en Internet.
· Cookies. Convén borrar con regularidade as cookies e os arquivos temporais de Internet, así como o historial de navegación, especialmente cando se acceda á rede dende un computador ao que teñan acceso outras persoas.
· Spam. No caso de recibirmos correos non desexados (spam), non deberemos enviar unha resposta, xa que estaremos confirmando a validez do noso enderezo electrónico.
· E-mail. Cando envíemos mensaxes de correo electrónico a diferentes destinatarios, cómpre empregar o campo Con Copia Oculta (CCO). No caso de envíos masivos usaremos as listaxes de distribución.
· Redes sociais. Debemos garantir a seguridade da información nas redes sociais mediante unha configuración axeitada do perfil e empregando contrasinais. Non esquezamos que os buscadores poden permitir a un terceiro obter a información pública dos perfís.
· Imaxe. A imaxe é un dato de carácter persoal cuxa difusión ou acceso non autorizado pode ser particularmente molesto ou daniño. Ao publicar unha foto ou escribir nun foro podemos estar incluíndo información sobre outras persoas. Debemos ser conscientes de que temos que respectar os dereitos desas persoas.
· Cámaras web. Antes de instalar unha cámara web que reproduza imaxes na Internet, teremos que asegurarnos de que a captación sexa o menos intrusiva. Así mesmo, debemos garantir a seguridade impedindo o acceso non autorizado a imaxes captadas por este tipo de cámaras.
· Nenez. Debemos educar a infancia nun uso seguro das redes e acompañar os nenos e nenas na súa navegación. Cómpre adoptar medidas de seguridade física e informáticas para os máis cativos, como a situación do ordenador na casa ou unhas horas determinadas de uso.

PUBLICIDADE