O CPEIG participa na creación do consello de colexios de Enxeñería en Informática

mércores, 13 de xaneiro do 2010 Fernando Sarasketa

O Colexio Profesional de Enxeñería en Informática de Galicia (CPEIG) participou esta fin de semana pasada na asemblea da entidade que engloba as plataformas de todo o eido estatal dentro desta profesión, a Asociación de Colexios Profesionais de Enxeñería en Informática (CCII). O CPEIG, que concorreu na reunión a través de Fernando Suárez (presidente) e Juan Otero Pombo, sumouse aos restantes colexios na constitución da comisión xestora para a posta en marcha a nivel español do Consello Xeral de Colexios Oficiais de Enxeñería en Informática, que elaborará os estatutos do futuro Consello. Segundo apunta a entidade galega nun comunicado, o CCII estableceu como obxectivo prioritario para 2010 conseguir que o Goberno aprobe os estatutos e se constitúa formalmente a dita plataforma.
Cómpre lembrar”, engade o CPIG, “que coa Lei 20/2009 de creación do Consejo General de Colegios Oficiales de Ingeniería en Informática, publicada no BOE o 5 de decembro, se deu un gran paso no recoñecemento de enxeñaría, lei que, por certo, foi aprobada por unanimidade no Congreso e no Senado, despois de numerosas xuntanzas cos distintos grupos políticos”. Por certo que neste traballo en concreto o labor do colexio galego foi especialmente salientable.
Amais destas cuestións na asemblea celebrada esta fin de semana en Madrid afondouse no informe de xestión do último ano, aprobado por unanimidade dos colexios asistentes: Asturias, Castela e León, Castela-A Mancha, Cataluña, Euskadi, Estremadura, Galicia, Murcia e Valencia.

PUBLICIDADE