O CPEIG premiará con mil euros ao gañador do seu Premio Proxecto Fin de Carreira

mércores, 1 de marzo do 2017 Redacción

O Premio Proxecto Fin de Carreira, organizado polo Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG), está enfocado aos estudantes e recentemente titulados en Enxeñaría en Informática ou Máster en Enxeñaría Informática e nesta oitava edición estará dotado con mil euros. Asemade, con este premio quérense amosar as vantaxes da colexiación e servir de estímulo para o traballo dos estudantes. E quen pode participar neste concurso? Pois todas aquelas enxeñeiras e enxeñeiros que presentasen nunha universidade galega nos anos 2015, 2016 e 2017 o proxecto fin de carreira de Enxeñaría en Informática, traballo fin de máster de Enxeñaría Informática ou calquera outra titulación que legalmente habilite ou vincule para o exercicio da profesión.
O prazo de inscrición para optar a este premio remata o 10 de maio e os interesados en participar poden enviar a documentación precisa (ficha resumo do proxecto, resumo e memoria completa do mesmo) ao enderezo electrónico habilitado. As bases e o formulario para presentar a candidatura están xa dispoñíbeis no portal do CPEIG.
E indo aos premios, os tres finalistas terán dereito a un ano de colexiación gratuíta e o gañador ou gañadora recibirá unha gratificación económica de mil euros.
O xurado será unha comisión experta, integrada por representantes do CPEIG, e o galardón darase a coñecer nos Premios da Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia, que terá lugar o 16 de xuño, en Santiago de Compostela.

PUBLICIDADE