O CPEIG recoñece a iniciativa emprendedora de Teimas nos seus premios anuais

venres, 15 de maio do 2015 Redacción

Vicente Quintáns, Iago Elizechea, Miguel Varela e Ricardo Vila.

A empresa Teimas Desenvolvemento vén de ser elixida gañadora do premio Iniciativa Emprendedora, concedido polo Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG), o que optaban oito candidaturas e que entregarase durante a celebración da VII Noite da Enxeñaría en Informática de Galicia, prevista para o 26 de xuño en Santiago de Compostela.
Teimas Desenvolvemento, con sede en Compostela, é unha empresa de desenvolvemento software para o sector ambiental fundada en 2008, que conta con cinco enxeñeiros en Informática como socios: Miguel Varela, Vicente Quintáns, Iago Elizechea, Cristina Vázquez e Ricardo Vila. O seu proxecto estrela é o software para xestión de residuos Teixo, a primeira plataforma dispoñible na Internet que cobre todas as necesidades de xestión interna ambiental e empresarial para entidades do ciclo de xestión de residuos.
Trátase dun sistema dirixido a empresas produtoras, xestoras e transportistas de residuos, que facilita o control da xestión de residuos perigosos e non perigosos. Permite rexistrar os seus datos, confeccionar a súa carteira de procesos e residuos e xerar as notificacións de traslado e documentos de control e seguimento de residuos perigosos.
Tras a consolidación de Teixo, Teimas enfróntase na actualidade ao reto que supón crear a Plataforma Galega de Información Ambiental GAIA, despois de resultar adxudicataria do contrato por parte da AMTEGA, nunha acción enmarcada no Programa Operativo FEDER Galicia 2007-2013. GAIA será o único punto de acceso para as empresas do sector dos residuos: xestores, produtores e transportistas de refugallos, consultoras ambientais e organismos de control, entre outros.

PUBLICIDADE