O CPEIG renova a súa directiva cun equipo de continuidade liderado por Fernando Suárez e Susana Ladra

mércores, 27 de novembro do 2019 Redacción

O Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) vén de renovar a súa xunta de goberno logo dun proceso electoral no que non se celebraron votacións ao contar cunha soa candidatura, que finalmente proclamouse electa o pasado sábado 23 de novembro. O obxectivo do novo equipo, comandado por Fernando Suárez (presidente) e Susana Ladra (vicepresidenta) é seguir traballando pola regulación profesional; avanzar na colaboración coas administracións, universidades e empresas; e fomentar as vocacións tecnolóxicas entre a mocidade, poñendo o foco na necesidade de incrementar o número de rapazas nos estudos de informática.
A nova directiva quedaría deste xeito:
-Fernando Suárez, presidente
-Susana Ladra, vicepresidenta
-Juan José González, secretario
-Roberto Vieito, vicesecretario
-Francisco Javier Rodríguez, tesoureiro
-Lorena Otero, vicetesoureira
-Pilar López Avendaño, vogal
-José Manuel Vázquez, vogal
-Iván Luis Vázquez, vogal
Os obxectivos, polo miúdo
Segundo fixeron saber nun plano máis concreto, “o noso obxectivo principal para os vindeiros catro anos será continuar traballando na regulación profesional, dado o crecente impacto da actividade da Enxeñaría en Informática na sociedade actual, facendo especial fincapé nas áreas nas que a seguridade física e xurídica das persoas está en xogo”.
Ademais, engaden, a devandita liña estratéxica compleméntase cos seguintes desafíos: “Seguir traballando coas administracións públicas para a modernización da xestión administrativa, como acontece coa organización anual do Curso Superior de Administración Electrónica coa AMTEGA e a EGAP; soster a colaboración co sector privado para o progreso e dixitalización de produtos e procesos; incentivar a colaboración coas universidades na adaptación e actualización dos plans de estudo, segundo a demanda actual do mercado laboral en materia das TIC; fomentar as vocacións tecnolóxicas entre os máis novos, en especial entre as rapazas, organizando obradoiros formativos como os que forman parte do programa TechKids posto en marcha coa AMTEGA, ou as diversas xornadas que se programan con motivo do Día das Rapazas nas TIC; manter o colexio como fonte informativa para as noticias tecnolóxicas nos medios de comunicación e mellorar a presenza e utilización da lingua galega no uso de Internet e redes sociais”.
Ademais, na xornada do sábado celebrouse a despedida dos dous compañeiros saíntes da anterior directiva, Juan Otero que desempeñou o cargo de vicepresidente, e Javier García Tobío que exerceu estes últimos anos como vogal.

PUBLICIDADE