O CPETIG organiza un obradoiro de balde sobre emprendemento TIC

martes, 9 de abril do 2013 Redacción

O 26 de abril en sesión de tarde o Centro Demostrador TIC de Galicia en Santiago de Compostela acollerá un obradoiro de balde sobre emprendemento organizado polo Colexio Profesional de Enxeñería Técnica en Informática de Galicia (CPETIG) que poderá seguirse simultaneamente dende os telecentros de A Coruña, Ourense, Pontevedra e Vigo, procurando informar aos asistentes sobre os diferentes trámites, xestións e actuacións que hai que afrontar á hora de pór en marcha unha actividade económica por conta propia.
O obradoiro está enmarcado no convenio asinado entre o CPETIG e a AMTEGA hai un par de semanas, e conta na súa organización coa colaboración do IGAPE. Está dirixido aos profesionais TIC que teñan pensado emprender, aínda que tamén está aberto a profesionais doutros sectores interesados na temática. Preténdese instruír aos asistentes nos trámites, xestións e actuacións precisos para cumprir coas esixencias mercantís, fiscais, laborais, de protección de datos e de ordenamento municipal que levan aparelladas as actividades económicas por conta propia.
O curso contará como relatores con Andrés Villamarín, Mª Begoña Costa Camino e Guillermo Viña. Andrés Villamarín é licenciado en Ciencias Económicas e Empresariais, Máster en dirección de empresas MBA e director en Villamarin Professional Group. Pola súa banda, Mª Begoña Costa Camino é licenciada en Economía e socia fundadora de C&B Asociados e conta ademais cunha ampla experiencia en actividades formativas. Guillermo Viña, e xerente de IgapeNova na área de Competitividade.
Esta actividade inclúe a resolución de consultas e o acompañamento a distancia polos relatores do obradoiro, dos proxectos postos en marcha polos alumnos durante os 2 meses posteriores á finalización do ciclo formativo que ten aberta a súa inscrición ata o 19 de abril, podendo xa efectuarse na web do CDTIC para asistir presencialmente ou na páxina web do CPETIG de querer participar a distancia.

PUBLICIDADE