O CPETIG pon en marcha o seu curso sobre análise forense en medios dixitais

venres, 24 de setembro do 2021 S. P.

O Colexio Profesional de Enxeñaría Técnica en Informática de Galicia (CPETIG) activa este venres a súa nova actividade formativa, organizada en colaboración coa AMTEGA (Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia) e destinada a achegar capacitación (e actualización) en materia de análise forense en medios dixitais, tales como discos duros, dispositivos móbiles, rastrexo en Internet, etc. Na actividade tamén se mostrarán os mellores xeitos de responder ante ante incidentes relacionados coa ciberseguridade.
En concreto, o obxectivo deste curso é “dar a coñecer o marco xurídico sobre o que se sustenta a labor do perito, facilitar as claves para manexar as técnicas necesarias para adquirir e preservar evidencias dixitais, amosar os conceptos nos que se basea unha análise forense e dotar aos asistentes nos coñecementos necesarios para a análise das evidencias contidas en medios dixitais”, explicou o CPETIG, que engade que outra das finalidades é afondar nos tipos de ciberincidentes, na súa clasificación e en como proceder ante un; en como redactar un informe pericial baseado na análise forense das evidencias dixitais ou en como defender o informe pericial en sede xudicial. Amais, abordaranse aspectos relativos á protección de datos persoais, comercio electrónico, sinatura electrónica, propiedade intelectual ou delitos tecnolóxicos.
Este curso é válido para o acceso ao Corpo Oficial de Peritos do CPETIG.
Destinatarios
A actividade formativa está orientada a peritos informáticos, responsábeis de seguridade TIC (Tecnoloxías da Información e a Comunicación), persoal de oficinas de seguridade, auditores internos ou externos, consultores, avogados e tamén a calquera outro profesional interesado en adquirir coñecementos en materia de informática forense.
Cunha duración de 20 horas, o curso desenvolverase en catro sesións. Comeza este 24 de setembro e continuará ao día seguinte, amais dos días 1 e 2 de outubro en formato en liña desde o Gaiás Tech e a través da plataforma de formación de Securízame.

JPEG - 105.6 KB
Víctor Salgado será un dos formadores do curso do CPETIG

Formadores expertos
Víctor Salgado Seguín, socio-manager en Pintos & Salgado Avogados e profesor de Dereito TIC na HUB Escuela de Negocios Digitales; e Lorenzo Martínez Rodríguez, CTO en Securízame, serán os encargados de impartir esta actividade formativa.
Víctor Salgado é socio director de Pintos & Salgado Avogados, firma referente en Galicia no eido do Dereito TIC, premiada en 2015 como Boutique Data Protection Law Firm of the Year in Spain por Corporate ITNL. Licenciado en Dereito, diplomado superior en Xestión Empresarial pola Universidade CEU San Pablo de Madrid e posuidor do Mestrado en Estudos da Unión Europea da Universidade da Coruña e en Regulamento Xeral de Protección de Datos pola UNED, está especializado desde 1997 en Dereito Informático e Comunitario Ten publicado diversos artigos en publicacións especializadas sobre aspectos xurídicos do comercio electrónico, protección de datos, dereitos de autor en Internet, criminalidade informática ou regulación das DNS, entre outros.
Pola súa parte, Lorenzo Martínez, titulado en Enxeñaría Superior en Informática pola Universidade de Deusto, é perito informático con ampla experiencia e posúe unha extensa formación especializada e traxectoria profesional no eido da seguridade informática e actualmente traballa como xefe da oficina técnica de Securízame, compañía especializada en proxectos de ciberseguridade que asesora, forma, audita e integra solucións de terceiros e propias para mellorar a seguridade dos sistemas, redes e comunicacións das empresas e Administracións Públicas.

PUBLICIDADE