O CPETIG ultima os preparativos da cuarta Xornada de Informática Xudicial

luns, 8 de setembro do 2014 Redacción

Será no vindeiro mes de outubro, en concreto o día 10, cando o Colexio Profesional de Enxeñaría Técnica Informática de Galicia (CPETIG) revise polo miúdo os retos da xustiza perante a sociedade 2.0 nun encontro que terá lugar na compostelá Cidade da Cultura (Edificio CINC), estamos a falar da IV Xornada de Informática Xudicial e Delitos Informáticos. Cómpre dicir que esta actividade conta co patrocinio da Xunta de Galicia, a través da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA). Baixo o epígrafe A xustiza ante a sociedade 2.0. Móbiles, nube, redes sociais e Big Data” nesta nova edición o CPETIG quere continuar contribuíndo a incrementar a eficiencia da administración xudicial, amosando aos xuristas os beneficios da achega e uso das novas ferramentas electrónicas no proceso xudicial e informando sobre os avances en materia probatoria.
E a quen vai encamiñada esta xornada? Pois a xuíces, maxistrados, secretarios xudiciais, fiscais, avogados e xuristas en xeral, amais de enxeñeiros en informática. Para os interesados, sinalar que o formulario de inscrición está xa dispoñíbel no microsite do evento.
Quen asistirá a esta xuntanza? Baixo a dirección técnica do avogado Víctor Salgado, a xornada contará coa participación de: Eloy Velasco -xuíz da Audiencia Nacional- quen falará do novo escenario xurídico-probatorio ante a ilegalización da directiva europea de conservación de datos. O Tamén formará parte dos relatores: o responsábel da conta de twitter da Policía Nacional (@policia), Carlos Fernández, quen exporá o seu traballo de divulgación e prevención en materia de menores e redes sociais. Outro asistente será Raúl Siles, un dos principais expertos do mundo en seguridade en redes informáticas, analizará a inseguridade á que nos enfrontamos os usuarios de dispositivos móbiles e novas tecnoloxías. Abrirá a xornada Jorge Campanillas, avogado especialista en dereito das TIC que tratará sobre Big Data, o dereito á privacidade e a proba electrónica. Jorge Martín, como inspector xefe da Comisaría Xeral da Policía Científica, relatará o labor forense da Policía Xudicial ante a nube e os dispositivos móbiles, mentres Julián Valero-Torrijos, profesor de Dereito Administrativo, abranguerá o marco normativo da Lei de Xustiza Electrónica. Asemade, un representante do Centro Europeo contra o Cibercrime (EC3) da Europol falará sobre a ciberdefensa perante as novas ciberameazas.
Para máis información sobre o programa desta xornada, cómpre visitar a web habilitada.
Programa
Sesión de Mañá
9:00 – Recepción e entrega de material
9:15 – Presentación (15’)
9:30 – 1º Relatorio (45’) – “Big Data, dereito á privacidade e proba eletrónica” – Jorge Campanillas Ciaurriz (Avogado especializado).
10:45 – 2º Relatorio (45’) – “O labor forense da Policía Xudicial perante a nube e os dispositivos móbiles.” – Jorge Martín García (Inspector Xefe do Grupo de análise de Software da sección de informática forense, Ca Xral. de Policía Científica, Policía Nacional).
11:30 – Café (45’)
12:15 – 3º Relatorio (45’) – “A ciberdefensa perante as novas ciberameazas nun mundo globalizado e dixital.” - Representante do Centro Europeo contra o Cibercrime (EC3), Europol.
13:00 – 4º Relatorio (45’) – “A Lei de Xustiza Electrónica: esa gran descoñecida” – Prof. Dr. Julián Valero-Torrijos (Profesor Titular de Dereito Administrativo, da Universidade de Murcia).
14:00 – Xantar.
Sesión de tarde
16:00 – 5º Relatorio (45’) – “O novo escenario xurídico-probatorio perante a ilegalización da directiva europea de conservación de datos” – Eloy Velasco (Maxistrado da Audiencia Nacional).
16:45 – 6º Relatorio (45’) – “Dispositivos móbiles e novas tecnoloxías: Síntome (in)seguro…” Raúl Siles Peláez (Analista en seguridade informática e socio fundador de DinoSec).
17:30 – 7º Relatorio (45’) – “O labor divulgativo e preventivo da policía en materia de menores e de redes sociais.” – Carlos Fernández Guerra (Responsábel da conta de Twitter da Policía Nacional @policia).
18:30 – Clausura.



PUBLICIDADE