O Café Casino de Santiago acolleu a presentación da Semana da Ciencia e dos seus novos formatos expresivos

luns, 5 de novembro do 2007 Fernando Sarasketa

A Semana da Ciencia vén este ano con novidades, tanto no fondo (o tema) como na feitura. Algo deste espírito renovador xa se puído ver este luns día 5 pola mañá, no Café Casino de Santiago, onde a Dirección Xeral de I+D (coordinadora das actividades) compartiu o labor de presentación oficial destes eventos con tres actrices integrantes do grupo de teatro Chévere que, tanto no falar coma na vestimenta, remitiron ós medios de comunicación a unha época en que os científicos pisaban xusto os mesmos escenarios cós artistas para dar a coñecer os seus achados. Con este lema non oficial de facer da ciencia un pouco de teatro (e viceversa), a Semana vén en 2007 un pouco máis cargada de participación e de actividades ca en anos anteriores. Serán uns cen eventos diferentes organizados por medio centenar de entidades e a desenvolver de hoxe até o día 18.
Entre os actos máis salientables está a escenificación da peza Alá no fondo hai sitio abondo do grupo Chévere, “unha aproximación ó mundo da nanotecnoloxía”.
A xuízo da agrupación (representada tamén no Café Casino por Xesús Ron) estaríamos perante unha obra anovadora pola temática tratada (a nanotecnoloxía, que é a ciencia do miúdo) e polo que pode representar no eido da divulgación galega, onde é moi probable que sobren os dedos dunha man para contabilizar iniciativas artístico-científicas.
Segundo Xesús Ron, a peza Alá no fondo hai sitio abondo non só abriría novos camiños expresivos no teatro galego senón tamén nas propias canles de comunicación que unen á comunidade científica co resto da sociedade, canles que fican hoxe en día atoradas por algunha que outra complexidade lingüística e unha vontade de entendemento mutuo que foi perdendo pulo.
Sinalar ademais que a obra non se representará en teatros, senón en museos galegos e está especialmente dirixida a nenos (de 8 a 11 anos) coas súas familias. A idea básica é dar a coñecer a nanociencia, que é unha disciplina que está a revolucionar o eido da investigación e á mesma sociedade en xeral, afectando a múltiples materias. “A obra”, dixo Xesús Ron, “é un convite a entender que sempre hai máis do que vemos a simple vista, e que alá no fondo da habitación hai unha chea de posibilidades”.
A estrea é na Coruña, na Casa das Ciencias, este 10 de novembro. Logo comezará a xira por Lugo, Vigo e Ourense.
Múltiples temas e feituras
A Semana da Ciencia 2007 (un evento celebrado a nivel europeo) inclúe catorce días de obradoiros, mesas redondas, ciclos de cine, xornadas e exposicións. As temáticas das actividades celebradas en Galiza serán variadas tanto como pode selo a investigación en si mesma: novas tecnoloxías da información, medicina, fisioloxía, matemáticas, arte, arqueoloxía, ecoloxía, medio ambiente, bioloxía, química, emprendemento, agricultura. A Semana forma parte do programa Diverciencia da Consellería de Innovación a través da Dirección Xeral de I+D e para este ano inclúe un orzamento de un millón de euros.
Como dixemos, o principal obxectivo da Semana é poñer á investigación un pouco máis preto da cidadanía, abrindo se é preciso as portas dos escenarios onde aquela se leva a cabo, informando á sociedade dos logros da ciencia e de cómo unha boa cantidade deses logros de onte son responsables da calidade de vida acadada hoxe.
Nela participarán todo tipo de entidades, como universidades, administracións públicas, asociacións e centros tecnolóxicos. No eido da Sociedade da Información (que é o que nos ocupa principalmente neste medio) a listaxe de eventos é ampla, sendo o Concello de Sada un dos divulgadores máis activos. Así, está programado para o día 9 na Oficina da Xuventude un Seminario sobre novas tecnoloxías chamado Internet e a vida cotiá e na sala de exposicións da Casa da Cultura Pintor Llorens (do 5 ó 18) a mostra A ciencia e a tecnoloxía: unha cousa de todos e todas.
Asemade, a Fundación Ferrol Metrópoli organiza o 13 novembro en FIMO (Ferrol) un obradoiro sobre novas tecnoloxías, e a Fundación Universidade de Vigo desenvolve do 13 ó 16 no Seminario de Ciencia de Materiais uns Obradoiros de emprendemento tecnolóxico. A Tecnópole de Ourense non vai ficar á marxe do amplo programa de actividades, e en relación coas ferramentas do coñecemento cómpre salientar a súa Ginkana Dixital, que se vai celebrar no Auditorio de Ourense do 29 de novembro ó 1 de decembro e que “consiste na participación por grupos de estudantes que terán que superar unhas cuestións baseadas en coñecementos científicos e tecnolóxicos para poder acceder ó seguinte nivel”.
No que respecta ás exposicións, tamén cómpre destacar a que desenvolve a Fundación Centro de Estudos Eurorrexionais Galiza-Norte de Portugal (CEER) en Compostela (na Facultade de Historia), A Coruña (Dereito), Vigo (Enxeñería Industrial), Pontevedra (Belas Artes) e Lugo (Administración e Dirección de Empresas) e que se basea nunha mostra virtual dos recursos museísticos dixitalizados máis sobranceiros dentro das seis universidades públicas de Galiza e do Norte de Portugal.
Mostras móbiles
Durante a presentación do programa de actos da Semana da Ciencia no Café Casino de Santiago, o director xeral de I+D (Salustiano Mato) tamén quixo destacar as exposicións Areeiro: 25 anos contribuíndo ó agro (coa que a Estación de Fitopatoloxía de Areeiro celebra o seu 25 aniversario) e máis Coñecer para protexer: especies ameazadas da flora e da fauna de Galiza que organiza o Museo de Historia Natural da Universidade de Santiago (USC).
Asemade, a Dirección Xeral fixo fincapé noutra novidade incluída nesta edición 2007 da Semana da Ciencia: a aposta cada vez máis decidida por saírlle ó paso á sociedade. Así, é posible ver cómo a algunhas das actividades (coloquialmente falando) lles saen rodas, seguindo ese espírito dos organizadores de non agardar a que a sociedade enteira veña á investigación, senón percorrendo de antemán ese camiño. Esa é vontade por exemplo de Circuíto xurídico da Universidade da Coruña, na que un autobús que tamén é unha aula percorrerá durante seis días diferentes localidade galegas co fin de suscitar o debate arredor das ligazóns entre ciencia e dereito e dos temas de actualidade nos que converxen.

PUBLICIDADE