O Capitán América terá videoxogo en 2011

martes, 5 de outubro do 2010 Marcus Fernández

O Capitán América terá que infiltrarse nunha base de Hydra no videoxogo que chegará en 2011

Para o verán de 2011 espérase a estrea da película Captain America: The First Avenger, dentro da serie de películas da Marvel que están a chegar á grande pantalla trasladando o concepto dun universo propio coma acontece no mundo dos comics e que confluirá na película The Avengers (prevista para 2012), e no camiño contarán co apoio de SEGA para achegar videoxogos que melloren esta experiencia para os seareiros destas aventuras, confirmándose que o ano que vén podermos ver na Xbox 360, PS3, PSP, Wii e Nintendo DS o título Captain America: Super Soldier, que amosará aventuras do Capitán América na Segunda Guerra Mundial.

O xogo terá unha certa compoñente de plataformas para tirar proveito da capacidade acrobática do Capitán América

O xogo permitirá ao xogador meterse nas botas do Capitán América para enfrontarse a Red Skull (Cranio Vermello) e ao seu exército nunha épica aventura en terceira persoa na que terán lugar combates espectaculares e movementos acrobáticos incribles, á vez que farase fronte a soldados de Hydra ou ao malvado científico Arnim Zola e os seus experimentos, moi na liña das clásicas aventuras do personaxe creado por Joe Simon e Jack Kirby.
O estudo responsable do xogo é Next Level Games, que xa desenvolveu títulos coma Spider-Man: Amigo o Enemigo e a versión para Wii de Transformers: La guerra por Cybertron, o que non son moi bos precedentes para este novo xogo, que ten todo a pinta de ser unha mera explotación dunha franquía cinematográfica.

PUBLICIDADE