O Centro Demostrador TIC deu acubillo á presentación de 19 solucións dende a súa posta en marcha

venres, 30 de decembro do 2011 Fernando Sarasketa

O Centro Demostrador TIC, un espazo inaugurado este ano en Santiago para permitirlles ás nosas empresas do sector dar conta en todo detalle das vantaxes dos seus servizos e solucións, remata 2011 con balance de actividades. Segundo informa a Secretaría Xeral de Modernización, responsábel da súa posta en marcha (no seo do Centro de Novas Tecnoloxías de Galicia, en Santiago), dende o comezo da súa andaina, o pasado mes de xullo, un total de 17 empresas TIC do noso país deron conta dos seus recursos nunha serie de xeiras profesionais que conseguiron agrupar a centos de representantes do noso tecido económico.
Segundo engade Modernización, máis de 200 profesionais participaron nas actividades do Centro e se achegaron coñecer as súas instalacións. Polo que atinxe ao número de solucións presentadas, dicir que foron un total de 19. A xuízo dos responsábeis do espazo de demostración, esta cifra pon ás claras a gran potencialidade das nosas empresas no mercado, achegando servizos innovadores que marcan un antes e un despois da vangarda tecnolóxico-dixital, e tamén evidencia a utilidade do propio centro como escaparate-obradoiro-lanzadeira do que aquí se fai.
As nosas empresas, tras a súa participación como entidades demostradoras, deron unha nota moi positiva do centro: un 37% das empresas expresaron un grao de satisfacción moi alto e un 47% alto.
En canto ás firmas asistentes, o 11% pertencen ao sector TIC, pero tamén estiveron representados outros sectores como o da administración pública (7%), o sanitario (3%), o audiovisual (4%), o da metalurxia (3%) e o de transporte e loxística (2%), entre outros.
As actividades desenvolvidas, informa Modernización, tiveron na súa maioría un carácter transversal, dirixidas a todos os sectores produtivos de Galicia aínda que tamén se presentaron produtos dirixidos a sectores concretos como o do turismo náutico, o sector educativo, a xestión de residuos e a loxística industrial. Exemplo disto foi a participación de PortoMeloxo, Wireless Galicia e o Grupo GSI (Universidade de Santiago), que presentaron, ombro con ombro e a través dun consorcio, unha plataforma de integración de servizos especializados orientados ao sector do Turismo Náutico. Tamén se deu a coñecer, nun plano educativo, o encerado interactivo sen sombra, unha superficie de proxección que permite un emprego triplo: como pantalla convencional de proxección, encerado para uso con rotuladores e encerado interactivo con dispositivos de infravermellos ou ultrasóns, orientada aos sectores de docencia e discapacidade, deseñada e presentada por José Juan Nimo Silva.
A xestión de residuos, engade Modernización, estivo "presente na sesión demostradora de Teixo, a primeira plataforma global dispoñible na rede Internet para o sector de Xestión de Refugallos". Esta foi desenvolvida pola firma Teimas para fornecer a produtores, recolledores-transportistas e xestores de residuos das ferramentas precisas para unha axeitada xestión dos seus residuos e crear unha rede social no eido da xestión de refugallos."Outro exemplo da aplicación loxística neste caso da área industrial foi a presentación de Elastics, unha familia de solucións, desenvolvida por Imatia Innovation, para diferentes tamaños de empresas, de acordo ás necesidades TIC das mesmas", sinalan dende a Secretaría Xeral.

PUBLICIDADE