O Centro Ramón Piñeiro tira partido do dixital para achegarnos ao autor que lle dá nome

martes, 12 de maio do 2009 Fernando Sarasketa

Entre as webs galegas ás que por forza máis fondo lle tocan estes días de celebración das nosas letras albiscamos unha de dereito propio: a do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades. En realidade, a páxina deste complexo de investigación situado ás aforas de Santiago estaría no punto de mira da cultura galega aínda que non o quixese: este ano dase a circunstancia significativa dunha celebración, a do 17 de maio, que xira arredor do galeguista que lle dá nome, Ramón Piñeiro. Neste senso de ofrecer recursos sobre as achegas á investigación do homenaxeado é precisamente onde se sitúa estes días unha parte da contribución do Centro, tanto fóra do eido dixital como ligado a el.
Contribución que, por certo, é de diversa índole: pasada (como a serie de cadernos que levan o nome do homenaxeado na festa das letras, todos de libre descarga, incluíndose entre outros o documento sobre o seu pensamento acerca da literatura de posguerra, en PDF, ou, xa noutra colección, a achega de Luís Rei arredor do concepto de saudade en Piñeiro) ou ben presente (como a publicación dun libro homenaxe con motivo da dita festividade galega, unha exposición acerca do autor-investigador de Láncara e unha visión detallada á súa obra epistolar).
Por certo que entre as iniciativas postas en xogo estes días para conmemorar a xornada do 17 e o papel de Ramón Piñeiro na cultura do século XX, presentadas todas elas xa no mes de abril que deixamos atrás, cómpre salientar (polo que ten de contribución ligada ao tema deste noso medio, o eido dixital) a edición en CD de dúas entrevistas realizadas ao propio autor por Manuel Rico e Luís Rei Núñez, nas que Piñeiro descobre os detalles dunha viaxe pola súa vida –nenez, Guerra Civil, posguerra- e o seu pensamento filosófico.

PUBLICIDADE