O Centro Tecnolóxico Gradiant, na directiva de RENIC

luns, 12 de setembro do 2016 Redacción

O Centro Tecnolóxico Gradiant, centro exemplar a nivel estatal e internacional en materia de tecnoloxías para salvagardar información e comunicación, atópase entre as entidades impulsoras e fundadoras da RENIC, que é como se coñece a Rede de Excelencia Nacional de Innovación en Ciberseguridade. Gradiant, ademais, é membro da directiva deste tecido investigador. Segundo nos conta o centro galego, RENIC é unha asociación sectorial que engloba centros de investigación e outros axentes do ecosistema de I+D en ciberseguridade de España.
O seu obxectivo principal é o de “fomentar o estudo científico, o desenvolvemento tecnolóxico, a innovación, a transferencia de coñecemento e tecnoloxía á industria e o desenvolvemento de proxectos de I+D+i no sector da ciberseguridade en España”.
A maiores, a principal razón de ser de RENIC é contribuír unha meirande competitividade nas pescudas en materia de protección de datos e comunicacións, “buscando a creación de solucións que mitiguen os riscos e ameazas emerxentes, dando resposta a necesidades do mercado”. Para iso, poténciase a coordinación e a cooperación activa a través de iniciativas que permitan explotar as capacidades do ecosistema investigador en ciberseguridade de forma colaborativa, sinerxética e conxunta”.
O seu reto concreto é emprazar o ecosistema estatal de I+D dentro da area global como “un ecosistema competitivo”, con altos niveis de transferencia e valorización tecnolóxica e cun alto grao de colaboración e conexión entre os seus axentes.

PUBLICIDADE