O CiTIUS impulsa un proxecto para facilitar con gaming a formación en riscos laborais

xoves, 22 de decembro do 2022 S. P.

O CiTIUS, centro de Intelixencia Artificial da USC, presentou os detalles dun proxecto que busca facilitar a formación de traballadores industriais con técnicas de gaming e Realidade Aumentada. Trátase do proxecto DITMEP, no que participa o centro compostelán xunto con socios de 3 países da Unión Europea, cuxo obxectivo concreto é “mellorar a aprendizaxe non presencial en Prevención de Riscos Laborais (PRL)”. Está financiado polo programa ERASMUS+ da CE e está previsto que remate en abril de 2023, achegando recursos de valor para a transformación das metodoloxías formativas do persoal en fábricas, “en resposta ás necesidades xeradas pola pandemia”.
Máis polo miúdo, os seus obxectivos específicos son “xerar novas capacidades dixitais nas metodoloxías para formadores e alumnos en contornas industriais a través da aprendizaxe a distancia (elearning), a gamificación e as experiencias de Realidade Aumentada”.
DITMEP (Digital Tools for Manufacturing training and Education Programmes) arrincou en 2021, nun contexto pandémico no que a “dixitalización converteuse en algo extremadamente importante e que supuxo unha motivación extra entre tódolos socios”, sinalan fontes do consorcio, engadindo que “as ferramentas dixitais desenvolvidas axudarán a seguir ofrecendo unha formación de alta calidade no futuro”.
Concretamente, no último trimestre de 2022 os desenvolvementos realizados en DITMEP deron como froito unha proba piloto desenvolvida nas instalacións dun dos socios do proxecto, o Centro Tecnolóxico do Mar (CETMAR). Nela, despregouse un curso online de riscos laborais en contornas manufactureiras, usando distintas técnicas de elearning para promover a aprendizaxe: por unha banda, empregáronse técnicas de gamificación e pola outra incluíronse tamén dúas aplicacións de Realidade Aumentada que ofreceron unha maior flexibilidade e facilitaron a formación ao interactuar con elementos de sinalización en contornas industriais, así como na selección de equipos de protección persoal (EPIs). Os resultados desta proba piloto serviron para “refinar os contidos do curso e o funcionamento das aplicacións de RA, incrementado así a calidade dos produtos xerados no marco de DITMEP”, explican os responsábeis do proxecto.
Esta primeira proba piloto é só un dos cursos mixtos que se desenvolverán antes da conclusión de DITMEP, prevista para abril de 2023. Nos vindeiros meses, presentaranse novos cursos mixtos de prevención de riscos baseados en técnicas dixitais, nos que se manterá o espírito do primeiro piloto: formato transnacional e unha educación innovadora e reforzada no ámbito da fabricación de materiais compostos (composites), que pode ser facilmente replicada noutros sectores industriais
O consorcio de DITMEP está composto por 5 socios de 3 países da Unión Europea: (Alemaña, España e Portugal), e na súa constitución tívose en conta a necesidade de cubrir os diferentes aspectos do desenvolvemento destes cursos de formación. Deste xeito, entre os socios figuran representantes de diversos sectores, como centros de formación, universidades e empresas certificadoras
Os resultados finais de DITMEP presentaranse en abril de 2023, ao longo dunha conferencia final de proxecto que terá lugar en Hamburgo.

PUBLICIDADE