O Ciclo Aida Fernández Ríos remata este xoves cun novo webinario científico-tecnolóxico

martes, 13 de xuño do 2023 S. P.

A cuarta edición do Ciclo de Conferencias Aida Fernández Ríos, que promoven a Deputación de Pontevedra e a Real Academia Galega de Ciencias (RAGC), remata este xoves 15 de xuño co seminario web A evolución das nosas células e por que se producen os tumores, seminario en liña que terá lugar ás 19 horas e que será impartido por David Posada González, catedrático de Xenética do Centro de Investigacións Biomédicas (CINBIO) da Universidade de Vigo.
Posada afondará no corpo humano, resultado de múltiples rondas de replicación a partir dunha única célula inicial. Explicará que durante o desenvolvemento as persoas humanas acumulan millóns de mutacións a medida que as células se dividen e diferencian. Tamén que durante este proceso, algunhas das mutacións alteran a función de xenes fundamentais que controlan a proliferación, a diferenciación e a morte celular, o que orixina unha multiplicación anómala tumoral que ocasiona o cancro. O catedrático informará sobre a evolución dos tumores dentro do corpo, semellante ás poboacións de organismos naturais para competir polos recursos e adaptarse ao medio que lles rodea, e detallará de que xeito o estudo evolutivo do cancro ten axudado a entender mellor e a combater esta doenza.
Co Ciclo de Conferencias Aida Fernández Ríos, a institución provincial e a RAGC convidan á cidadanía a achegarse ás ciencias e ás aplicacións do coñecemento científico á sociedade como axudante do desenvolvemento socioeconómico. O programa abrangue un total de 13 conferencias, por unha banda oito webinarios encamiñados á cidadanía en xeral que se pechan este xoves e, pola outra, cinco conferencias presenciais en centros educativos, das que xa se celebraron dúas, nos IES Illa de Ons (Bueu) e María Soliño (Cangas), tratando temas como a seguridade alimentaria, as enerxías renovábeis, as comunicacións cuánticas, as aplicacións da Intelixencia Artificial, a análise da información a gran escala (Big Data) e a xenómica.
Engadir que as inscricións para asistir a estas charlas están abertas na web da Deputación de Pontevedra.

PUBLICIDADE