O Círculo de Empresarios inicia un ciclo sobre as vantaxes de asentarnos na Industria 4.0

mércores, 23 de outubro do 2019 Fernando Sarasketa

O Círculo de Empresarios de Galicia, en colaboración co IGAPE, a APD e o Círculo Financeiro de Galicia, vai organizar unha xira de xornadas pola nosa xeografía encamiñada a pór de relevo a importancia de transformarnos tecnoloxicamente e intercambiar coñecemento de valor arredor deste proceso. O ciclo sobre Industria 4.0 chegará a Boiro, Ourense, Lugo, O Barco de Valdeorras e Vilagarcía de Arousa.
Baixo o título Industria e empresa 4.0. As claves da empresa intelixente, nas sesións programadas vanse facilitar encontros tecnolóxicos entre empresas e expertos en tecnoloxía. Estes últimos explicarán como tirar proveito e combinar as ferramentas máis modernas con outras xa existentes co fin de axudar aos cambios de modelo de negocio que require o mercado. Tocaranse cuestións como a robótica, a Realidade Virtual ou Aumentada, a Intelixencia Artificial, a información a gran escala (Big Data), a Impresión 3D, a Internet das Cousas (IoT polas súas siglas en inglés), a cadea de bloques (Blockchain) ou a ciberseguridade. As sesións incluirán un pequeno recanto de exposición.
A primeira xornada deste ciclo celebrouse esta semana en Ourense (A Molinera), este martes 22 de outubro. Lugo (na sede da Asociación de Empresarios do Polígono O Ceao As Gándaras) acollerá o segundo encontro o 29 de outubro.
As seguintes citas serán:
· O Barco de Valdeorras (Casa Grande de Viloira), o 5 de novembro.
· Boiro (Asociación Boirense de Empresarios), o 14 de novembro.
· Vilagarcía de Arousa (Cámara de Comercio), 19 de novembro.
O acceso a estas xornadas é libre e tan só é preciso inscribirse.

PUBLICIDADE