O Club Financeiro de Vigo e Ineo organizan xuntanzas para favorecer a cooperación no sector TIC galego

martes, 2 de xaneiro do 2007 Fernando Sarasketa

Engraxar a maquinaria dos encontros entre empresas do sector das novas tecnoloxías de Galiza ou vinculadas á nosa terra. Este é o principal obxectivo do proxecto de colaboración que veñen de presentar Ineo e o Foro da Sociedade da Información do Club Financeiro de Vigo (CFV) e que leva por nome Encontra TIC. Máis polo miúdo, a iniciativa (que se está a desenvolver nunha serie de xuntanzas, a segunda dos cales está prevista para o 30 de xaneiro) consiste en “fomentar o coñecemento e os contactos profesionais entre os axentes dedicados ó desenvolvemento de produtos e servizos innovadores no eido da Sociedade da Información”, segundo apunta o CFV. O proxecto, que a xuízo dos organizadores está a espertar un elevado interese (na primeira cita estiveron representadas até corenta empresas da área de Vigo), nace polo tanto dunha necesidade de comunicación e de intercambio de ideas e coñecementos que, lonxe de crear problemas de competencia entre as empresas, fortalecen ó sector.
De feito, segundo apunta o CFV, existe aínda unha falta de colaboración entre as empresas TIC da área de Vigo, “co que incluso se limitan as dimensións dos proxectos que os negocios son quen de afrontar”. Así, o proxecto Encontra TIC segue o ronsel de propostas postas en marcha en Estados Unidos e Europa onde a concentración de empresas do sector ten achegado un meirande ritmo de crecemento. Os destinatarios destas xuntanzas son:

· Empresas dedicadas ó desenvolvemento de produtos e servizos baseados nas novas tecnoloxías da información.

· Empresas de consultoría informática.

· Empresas comerciais con canles de distribución consolidados no sector das TIC.

· Departamentos TIC de grandes empresas ou administracións públicas.

· Grupos de Investigación e Desenvolvemento (I+D) universitarios dedicados ás TIC.

PUBLICIDADE