O Clúster TIC convoca unha xornada para debater sobre novos proxectos

venres, 14 de marzo do 2014 Redacción

Antonio Rodríguez del Corral, presidente do Clúster

O Clúster TIC Galicia vén de convidar aos seus socios a participar na Xuntanza Debate Clúster que se celebrará o próximo 20 de marzo ás 18.00 horas. Segundo informa a asociación empresarial galega, trátase “dun foro de intercambio de información, opinión e coñecemento entre membros que axudará a canalizar as accións do Clúster TIC”. O obxectivo é adoptar un clima directo e distentido para favorecer o intercambio de puntos de vista e máis a interrelación, “favorecendo tamén que as ideas e as opinións collan corpo ao tempo que se xeran confianzas para facilitar a creación de grupos de traballo e novos proxectos en colaboración”.
Nesta convocatoria, ademais de informar das últimas actividades e reunións mantidas por representantes da plataforma empresarial galega, presentaranse os primeiros borradores de traballo sobre os temas propostos na anterior xuntanza: queixas e peticións do sector e xestión de ideas de proxectos estratéxicos. A xuntanza celebrarase no Edificio FEUGA en Santiago de Compostela.

PUBLICIDADE