O Cluster TIC valora a posta en marcha dunha oficina compartida en Madrid

venres, 17 de febreiro do 2012 Fernando Sarasketa

O Cluster TIC Galicia, no seu obxectivo de afianzar ás nosas empresas do sector alén da nosa terra, todo a través da colaboración nas máis variadas facetas (mesmo a través do traballo cara a cara), está a valorar a posta en marcha dun espazo físico en Madrid que, entre outras características, operaría baixo o mesmo espírito de cooperación e traballo en cadea. A proposta, infórmase dende a web do Cluster, vén da man de varios socios e materializaríase, máis polo miúdo, nunha oficina comercial compartida que funcionase como centro de operacións extra-galego.
A iniciativa foi precisamente un dos temas tratados na primeira Xornada de Negocio e Networking que celebrou esta semana o Cluster TIC co fin de crear diálogo directo e traballo en mancomún entre os diferentes integrantes. A proposta, sinala a entidade empresarial galega, está xa aberta a ser tratada en detalle, tanto polos socios como polas firmas e asociacións alleas. “En definitiva”, sinálase, “trátase de seguir adiante na estratexia que promove o Cluster TIC, de compartir un recursos e tirar deles o máximo partido”.
As empresas interesadas, poden coñecer os detalles da proposta poñéndose en contacto coa administración do Cluster a través do correo info@clusterticgalicia.com.
O Cluster TIC Galicia, como recordaremos, é unha asociación sen ánimo de lucro que se constituíu o 31 de xaneiro de 2008 para reunir as empresas, asociacións empresariais, colexios, asociacións profesionais e outros axentes do macrosector das Tecnoloxías da Información e das Comunicacións (TIC) da Comunidade Autónoma de Galicia. A súa misión é axuntar, coordinar e dinamizar os esforzos en aumento da competitividade, innovación, saída a mercados e cooperación coas administracións e empresas. Arestora está dirixido por Gerardo Crespo Riestra, presidente, e Antonio Rodríguez del Corral, vicepresidente.

PUBLICIDADE