O Coliseum da Coruña acolleu a II edición da Liga Maker Drone

venres, 5 de maio do 2023 S. P.

Este venres 5 de maio o Coliseum da Coruña acolleu a gran final da 2ª Liga Maker Drone, en horario de mañá, promovida pola Fundación Barrié e o Instituto Tecnolóxico de Galicia (ITG) co obxectivo de fomentar as vocacións científico-tecnolóxicas entre as novas xeracións. Participaron 180 estudantes de segundo de Educación Secundaria Obrigatoria (ESO) de 18 centros escolares de toda Galicia (dezaoito equipos), probando os seus traballos pensados para superar o reto desta edición: limpar os océanos con axuda dun sistema dron.
Os equipos tiveron 6 meses para deseñar e construír un mecanismo de recollida de residuos, que debe ir instalado sobre o dron que lles facilitou a organización.
O evento contou tamén coa presenza do vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, que asistiu este mediodía na Coruña á ronda final da segunda edición da liga.
Ao evento acudiron 1.200 estudantes como espectadores. Dos 18 centros escolares das catro provincias que competiron para mostrar as solucións que desenvolveron para responder o reto da liga, o que se alzou como equipo gañador do torneo foi o CPR A Nosa Señora do Carmen, de Betanzos, que conseguiu levar a cabo a misión no menor tempo. O premio foi entregado por Pilar Romero, vicepresidenta da Fundación Barrié, e Carlos Calvo, director xeneral de ITG.
Ademais, houbo outros catro equipos cuxo labor foi recoñecido: CPR Divina Pastora, de Ourense, recibiu o premio ao mellor deseño; IES Carlos Casares, de Vigo, obtivo un recoñecemento por presentar a solución máis disruptiva; IES de Ames (Santiago), conseguiu o premio á destreza en voo; e CPR Montespiño, da Coruña, o premio á mellor presentación.
Iniciativa pioneira
A Liga Maker Drone é unha iniciativa pioneira en España, xa que se trata da primeira liga autonómica escolar de drons na que os participantes deben construír un sistema encamiñado á solución dun problema social.
En canto á finalidade deste proxecto, sinalar que persegue catro obxectivos principais: contribuír á orientación profesional dos estudantes cara ás carreiras STEM (das siglas en inglés Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemáticas) a través da presentación práctica de diferentes disciplinas e as súas aplicacións; difundir o coñecemento tecnolóxico de xeito amigábel (tratando de superar a percepción de materia complexa que se ten dela); contribuír á educación científico-técnica da sociedade (con demostracións dos desenvolvementos realizados polo alumnado) e potenciar entre os novos valores como a autonomía, a creatividade, o enxeño e a capacidade de traballo en equipo.
Indo ao miolo desta segunda edición da Liga Maker Drone, sinalar que a organización facilitou a cada equipo un dron, así como orientación e formación específica en mecánica, electrónica, pilotaxe e oratoria nos seus respectivos centros. Con todo iso, os equipos tiveron que idear, deseñar, construír e programar un sistema que irá instalado sobre un dron co obxectivo de recoller o maior número de residuos mariños e depositalos no menor tempo posíbel nos seus correspondentes colectores (a distintas alturas) a bordo dun barco (simulado) de 30 metros de eslora e 10 metros de alto.
O xurado estivo formado por entidades como Airbus, Boeing, ENAIRE, Telespazio, UDC, Expodrónica e por Iván Merino, piloto profesional de carreiras de drons e campión de España.

PUBLICIDADE