O Concello da Coruña ábrese a colaborar coa aceleradora de videoxogos de Gato Salvaje

luns, 5 de agosto do 2019 Fernando Sarasketa

As posibilidades que achega a aceleradora de videoxogos que está a preparar a produtora Gato Salvaje veñen de ser enxalzadas polo novo Concello da Coruña. Así o confirmaron os responsábeis das dúas entidades trala xuntanza celebrada a semana pasada, na que participaron a alcaldesa Inés Rey, a concelleira de Innovación, Eva Martínez, e os responsábeis do estudio coruñés, Fernando e Sergio Prieto. Segundo fixeron saber estes últimos na reunión, o número estimado de postos de traballo que se van poder mobilizar coa aceleradora é de arredor de 200 profesionais nun prazo de tres anos. Fernando e Sergio tamén se comprometeron a colaborar no proxecto Cidade das TIC e integrarse nel.
A xuntanza levouse a cabo para achegar ao Concello información sobre o desenvolvemento do videoxogo The waylanders, que se atopa en fase de produción e que estará dispoñíbel no mercado en 2020.
Inés Rey mostrou o seu interese en colaborar no seguinte desafío da produtora, a creación dunha aceleradora de videoxogos, que “sirva de fonte de emprego para a cidade”, en palabras dos impulsores de Gato Salvaje, que estiman que, grazas a este proxecto, a súa empresa vexa duplicado o seu cadro de persoal a finais do ano que vén.
Respecto do vindeira creación da Cidade das TIC, a iniciativa impulsada pola Universidade, o Concello e a Deputación da Coruña para converter a antiga fábrica de armas nun gran centro de innovación tecnolóxico-dixital, Fernando Prieto e Sergio Prieto salientaron o proxecto “como unha oportunidade”, polo que se ofreceron a cooperar no seu impulso e formar parte del para convertelo no “Silicon Valley coruñés”.
Segundo lembraron, The Waylanders será o primeiro videoxogo que terá Galicia e A Coruña como escenarios dunha historia ideada con saltos temporais, “de forma que o xogador pasará da Brigantia celta á cidade no medievo”, constituíndose a Torre de Hércules como “guía” e elemento “presente en todos os momentos da partida, xa sexa na súa primeira versión como na medieval, deseñadas ambas libremente”. Arredor da histórica e senlleira construción, xirarán as distintas lendas e mitoloxías coruñesas. Os autores sinalaron que a peza fíxose realidade en parte polos talentos que saíron dos cursos formativos que achegou a produtora e financiou o Concello. “Dos 73 que recibiron clases, 27 quedáronse a traballar na sede de Gato Salvaje do centro de empresas Accede Papagaio”, explicaron.

PUBLICIDADE