O Concello da Coruña activa un espazo en liña dirixido a mulleres inmigrantes

luns, 11 de agosto do 2008 Raquel Noya

Margarida Vázquez presetando o Programa Ada

A concelleira de Igualdade e Participación Cidadá do Concello da Coruña, Margarida Vázquez, vén de presentar o Programa Ada, un espazo de encontro para a comunicación e a formación “semi-virtual” que vai dirixido ás mulleres inmigrantes da localidade.
Esta iniciativa, que ten como obxectivo “crear unha rede de apoio a este colectivo”, realízase no Centro Municipal da Muller e pretende fomentar a integración socio-laboral e a participación activa das mulleres inmigrantes para dar lugar á igualdade de xénero na Sociedade da Información.
Asemade, o devandito Programa ofrece asesoramento e información para as súas usuarias, de xeito que poidan procurar emprego a través de Internet ou levar a cabo unha serie de actividades relacionadas coas novas tecnoloxías mediante o emprego dos recursos municipais.
A Concellaría de Igualdade pretende, deste xeito, “crear unha rede propia de mulleres” a través da cal “ofrecerse apoio mutuo” na integración na Sociedade da Información e a Comunicación.

PUBLICIDADE