O Concello da Coruña instala cámaras avanzadas de seguimento nas zonas de carga e descarga

martes, 19 de marzo do 2024 S. P.

O Concello da Coruña vai empregar dispositivos tecnolóxicos avanzados para controlar as zonas de carga e descarga. Farao a través de oito cámaras que lle permitirán obter información detallada sobre o tráfico de mercadorías da cidade e garantir o uso correcto dos ditos espazos. Os dispositivos forman parte do plan de renovación do CiMob (Centro Integral de Mobilidade) posto en marcha polo Goberno de Inés Rey, que contou cun investimento total de 6 millóns de euros (procedentes de Fondos Next Generation) para a mellora do control e planificación da mobilidade urbana.
O sistema de control e monitoraxe da carga e descarga comezou cun primeiro programa piloto na zona da rúa Alfredo Vicenti coa avenida de Fisterra, facendo unha primeira proba do seguimento do tráfico na distribución de mercadorías. A este dispositivo súmanse agora sete novos puntos de control.
Xunto coa de Alfredo Vicenti, instálanse tres novas cámaras en zonas de carga e descarga xa existentes. Unha no Mercado de Elviña, outra na praza do Conservatorio e outra na rúa Jerónimo Vázquez Franco nº3, no alto de Eirís. A elas súmanse outros catro dispositivos localizados en zonas de carga e descarga de nova creación. Unha na praza de Vigo, xunto ao Rexistro Civil; na rúa Sinfónica de Galicia con Juan Flórez, outra na rolda de Monte Alto, no cruzamento con avenida de Navarra; e unha última na rúa Almirante Cadarso con Paseo de Rolda.
A instalación contou cun investimento total de 386.297 euros para o subministro e montaxe das cámaras xunto coa aplicación informática necesaria para o seu correcto funcionamento. Os novos dispositivos enviarán información en tempo real ao CiMob do uso das prazas reservadas para operacións de carga e descarga que será posteriormente revisada e valorada polo persoal municipal, que poderá sancionar a quen ocupe esas prazas sen estar habilitado.
O Concello explica que “o control das zonas de carga e descarga responde a unha demanda dos comerciantes e transportistas, que moitas veces atopan que os lugares reservados para desenvolver o seu traballo están ocupados por vehículos incorrectamente estacionados”.

PUBLICIDADE