O Concello de Ames pon en marcha o laboratorio Ames AV Lab

xoves, 23 de febreiro do 2023 S. P.

O alcalde de Ames, Blas García, e mailo presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, visitaron este 22 de febreiro o Espazo Colaborativo A Proa, no Milladoiro, para presentar ás principais empresas do sector o proxecto Ames AV Lab, un laboratorio de aceleración de proxectos audiovisuais co que se pretender “impulsar a produción, fomentar o talento emerxente e dinamizar o importante tecido produtivo do sector audiovisual no municipio”.
No acto participaron tamén a concelleira de Promoción Económica, Ana Belén Paz, e a técnica municipal María Lloves. Asistiron ao evento varios concelleiros e concelleiras da Corporación municipal así como outros/as técnicos do Concello e da Deputación.
Financiamento de 200.000 euros
O proxecto Ames AV Lab conta cun financiamento de 200.000 euros, dos que 160.000 euros, o 80% do financiamento, son achegados pola Deputación da Coruña, e o 20% restante por parte do Concello de Ames.
Na presentación María Lloves, técnica do departamento de Promoción Económica, foi a encargada de explicar as distintas fases que atravesarán os proxectos que sexan seleccionados para participar no Ames Lab, así como que se lle dará prioridade “ás persoas mozas e ás mulleres, para tratar de diminuír a fenda xeracional e de xénero que existe no noso territorio”.
O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, destacou a importancia de “dotar de ferramentas ao talento propio para que radique en Galicia, de xeito que permita ilusionar aos nosos creadores e creadoras do eido do audiovisual e isto se acabe traducindo na creación de empregos”. O presidente indicou que “desde a Deputación da Coruña apoiamos o desenvolvemento deste coworking A Proa, un dos 11 da Rede Provincial de Espazos de Traballo Colaborativo que na actualidade xa alberga a 30 emprendedoras e emprendedores que están a facer realidade as súas ideas aquí, no Concello de Ames”.
Pola súa banda, Blas García sinalou que “hai ano e medio, aproximadamente, estabamos inaugurando este espazo coworking para apoiar aos sectores da innovación e do audiovisual. Xa temos trinta proxectos que están aquí instalados, comezando a desenvolverse. Un dos labores máis importantes das administracións é axudar ás persoas que teñen inquedanzas, ao talento que temos nos nosos concellos, e que poidan traballar e poñer en marcha os seus proxectos. Sempre apostamos pola formación. Temos un centro en Aldea Nova, estamos creando un centro multifuncional, e dispoñemos deste espazo colaborativo A Proa, que tamén queremos poñer en valor”.
O laboratorio Ames Av Lab
O Concello, grazas ao apoio económico da Coruña, ten previsto poñer en marcha o proxecto audiovisual Ames Audiovisual Lab, que se concibe como un laboratorio de aceleración de proxectos audiovisuais, que busca impulsar a produción, o fomento do talento emerxente e a dinamización do tecido produtivo da provincia. “É un laboratorio que tratará de apuntalar o talento que o audiovisual xa ten conformado, e axudando a crear unha nova xeración de persoas que traballen no audiovisual con vocación innovadora”, explicaron, engadindo que un dos principais cometidos da iniciativa será atraer proxectos que non estean iniciados, e que non teñan data de inicio de rodaxe prevista (curtas, longametraxes, series, narrativas inmersivas, realidade virtual...). Amais, “fomentarase a participación de proxectos que contribúan á incorporación laboral de persoas mozas e mulleres, tratando así de diminuír a fenda xeracional e de xénero que existe no noso territorio”, sinalaron.
As instalacións da Proa serán empregadas como “sede principal”, e búscase ofrecer unha tecnoloxía innovadora que permita planificar a postprodución dende que os proxectos boten a andar, así como que sexa posíbel facer medicións de audiencia para coñecer as demandas do consumidor. O laboratorio busca tamén que todas as iniciativas que se creen na Proa traballen conxuntamente, de maneira que se creen sinerxias e crezan os proxectos.
No mes de marzo realizarase unha convocatoria para seleccionar 15 iniciativas, que recibirán cobertura de asesoramento por parte de expertos do audiovisual; así como formación, na Ames Audiovisual School, onde se impartirán nocións de diferentes sectores que abranguen todas as partes dos proxectos a desenvolver: creación, produción, postprodución, financiamento, marketing, distribución e dereitos de propiedade intelectual. Así mesmo, tamén se programarán distintos obradoiros sobre temas que demanden os creadores das iniciativas seleccionadas.
No ecuador do proxecto, arredor dos meses de verán, sacarase unha convocatoria de bolsas. Das 15 iniciativas presentadas, serán seleccionadas 7, que xa se atoparán en fase de maduración, e que recibirán unha axuda de 10.000 euros. De xeito paralelo, estarán realizándose no Ames Lab actividades de networking e de formación. A maiores, realizarase o Ames Audiovisual Showcase, unha presentación final de todos os proxectos apoiados, na que se mostrará o traballo realizado a festivais, empresas produtoras, distribuidoras, representantes de mercados... etc.

PUBLICIDADE