O Concello de Ames posibilitará a dixitalización de 35 procesos de tramitación

martes, 4 de setembro do 2012 Fernando Sarasketa

O Concello de Ames vén de adxudicar os traballos da segunda fase do seu plan de eAdministración a Informática El Corte Inglés, que se encargará de dar corpo definitivo a un plan que, entre outras cousas, permitirá que a cidadanía leve a cabo, co concello, até 35 xestións municipais a través das canles dixitais. Os servizos que está a despregar a devandita empresa desenvolveranse ao longo do que queda de ano. Esta segunda fase do proxecto inclúe un orzamento de 175.000 euros.
Ao tratarse dun proxecto de Administración Electrónica, o obxectivo do Concello é común ao de outras iniciativas que xa se levan impulsando na nosa terra e dende diferentes institucións: achegar un panorama no que a meirande parte das comunicacións e trámites que se leven a cabo coa administración local se poidan facer sen necesidade de desprazamentos, coa axuda da Rede e coa maior comodidade-seguridade posíbel. Como dixemos, a segunda fase dos traballos inclúe a posta en marcha de 35 xestións dixitais, o que implicará a dixitalización dun gran número de documentos (arredor de 50.000), afectando este proceso, principalmente, a Rexistro do concello e ás áreas de servizos sociais e económicos e urbanismo.

PUBLICIDADE