O Concello de Boiro convida á veciñanza a crear nas redes o gran álbum colectivo do confinamento

xoves, 9 de abril do 2020 S. P.

Non teremos liberdade de movementos, por mor do Estado de Alarma e a obriga do confinamento, pero temos redes para enchelas de mensaxes de ánimo. Esta é a premisa sobre a que se basea unha nova iniciativa do Concello de Boiro, posta en marcha a través do departamento de Cultura e o Gabinete de Comunicación, que, co gallo de convidar á cidadanía a facer fronte común contra a adversidade e a monotonía da reclusión forzosa, impulsaron un certame online de fotografías para que as veciñas e veciños mostren eses “pequenos detalles do día a día que, polo confinamento, antes pasaban desapercibidos”.
A iniciativa promete ser un gran álbum colectivo das cousas que se fan en tempos de confinamento: cousas que se fan nas xanelas, na compaña dos familiares, diante dos móbiles que axudan a manter o contacto cos amigos, cociñando, pintando, cosendo, adestrando ou xogando cos mais pequenos da casa. “O obxectivo desta iniciativa é achegar unha reflexión sobre as vertentes positivas do confinamento”, explica o Concello, engadindo que a iniciativa leva por título A vida detrás das ventás e apela a “todo iso que agora nos vemos obrigados a facer nas nosas casas e tamén ao que vemos desde as nosas xanelas”.
As fotos poden enviarse ao enderezo electrónico participacion@boiro.gal acompañadas dunha breve descrición, o lugar no que foron feitas e a persoa que as fixo, ou tamén etiquetar as redes sociais do Concello de Boiro. Cada pouco iranse subindo estas imaxes ás redes para transmitir “unha mensaxe positiva aos veciños e veciñas nestes momentos difíciles”, explican os ditos departamentos, engadindo que “unha que remate o Estado de Alarma e dependendo das imaxes que se teñan traballarase na posibilidade de facer unha exposición coas imaxes de todo iso que os boirenses fixeron durante a corentena e lembrar o lado positivo desta situación producida pola pandemia COVID-19”.

PUBLICIDADE