O Concello de Ferrol estrea nova web da candidatura da cidade a Patrimonio Mundial

xoves, 17 de febreiro do 2022 S. P.

O pasado venres 11 de febreiro o alcalde de Ferrol, Ángel Mato, presentaba no pazo municipal a nova marca da candidatura de Ferrol a Patrimonio Mundial: Cidade de Ferrol: Porto da Ilustración e tamén nova web para a proposta ferrolá.
No novo espazo en liña atoparemos os bens que integran a candidatura, o proceso do expediente, os criterios que cumpre a candidatura da cidade, as adhesións coas que xa conta e o expediente completo. Cómpre salientar que a propia cidadanía poderá apoiar de xeito oficial a candidatura, na Listaxe Indicativa da UNESCO dende abril de 2007.
O alcalde, acompañado pola concelleira de Patrimonio Histórico, Eva Martínez Montero, explicou que o “Concello leva tempo traballando para avanzar na nosa proposta á UNESCO posto que nesta cidade temos un patrimonio e unha historia única”. “Pero non se trata só dun expediente administrativo, queremos buscar a complicidade e o apoio da cidadanía, espertar a ilusión pola riqueza que temos e da que debemos estar moi orgullosos”.
Outro aspecto a subliñar, segundo a concelleira, é que a nova marca está baseada nos criterios racionalistas que se aplicaron na ordenación do barrio da Magdalena. Buscouse, dixo, “a orixe do trazado das súas rúas... o que transformou a un pequeno pobo pesqueiro nun porto da Ilustración”. Inclúe a cor azul, “a cor da nosa bandeira”.

PUBLICIDADE