O Concello de Ferrol leva a mercadotecnia en liña aos seus empresarios turísticos

martes, 27 de outubro do 2015 Redacción

O primeiro dos obradoiros celebrados serviu para botar luz nas vantaxes do xeomarketing

Este mes de outubro, abranguendo tamén novembro, estase a desenvolver na nosa terra o foro Ferrol Turismo Marketing, unha iniciativa do Concello ferrolá para fortalecer e espallar novos métodos de traballo tecnolóxicos, innovadores e sociais para o turismo e comercio da cidade a súa contorna. O foro vai dirixido, polo tanto, aos profesionais e ás empresas destes dous sectores, aínda que tamén se achegan recursos de valor para estudantes e emprendedores. A actividade abrangue seis obradoiros co nexo común de abrir xanelas a novos xeitos de traballar e apostar por estratexias comunicativas innovadoras.
O primeiro taller celebrouse o pasado martes e xirou arredor da temática do Xeomarketing on line e o turismo. Foi impartido por Gersón Beltrán, profesor da Universidade de Valencia amais de experto na integración de recursos de coñecemento xeográfico e localización a nivel de actividade turístico-empresarial. Neste obradoiro afondouse na metodoloxía do xeomarketing e o seu potencial, unha práctica que achega vantaxes para as empresas e para as contornas nas que se emprazan e que se basea nunha confluencia da mercadotecnia (equivalente galego ao termo marketing) e a xeografía permitindo impulsar un negocio a través de cousas como a localización exacta dos clientes, os puntos de venta, as sucursais dunha empresa ou a posíbel competencia.
As actividades do foro están a desenvolverse no Hotel Carrís Almirante. O vindeiro obradoiro a celebrar desenvolverase baixo o epígrafe Estratexia e creatividade para unha comunicación de marca diferencial e eficaz, o 30 e 31 de outubro,de 16:00 a 21:00 o venres, e o sábado, de 9:00 a 14:00 horas. Será impartido de maneira conxunta por Gema Garrido e Juan Boronat, socios na empresa The Kreative Room, unha firma destinada entre outras cousas a trasladar o labor de promoción empresarial ao ámbito da “comunicación racional e emocional” a todo tipo de formatos.
O foro continuará en novembro cos seguintes obradoiros Crear, compartir, vender: o blog de empresa (6 e 7 de novembro, de 17:00 a 21:00 o venres, e de 10:00 a 14:00 o sábado), Videomarketing para a empresa turística (o 13 de novembro, de 10:00 a 13:30 e de 15:30 a 19:30 horas), Lean Startup para negocios e Plan de comunicación emocional (os días 20 e 21 de novembro; o venres de 10:00 a 14:00 e de 17:00 a 21:00 horas, e o sábado de 10:00 a 14:00) e Iniciación á estratexia en redes sociais (o 27 de novembro, de 17:00 a 21:00 horas).

PUBLICIDADE