O Concello de Melide presenta a súa sede electrónica

xoves, 23 de maio do 2013 Marcus Fernández

O Edificio Multiusos de Melide acolleu esta mañá unha rolda de prensa na que participaron a alcaldesa Ánxelez Vázquez; un membro da Deputación da Coruña, Antonio Cañás; a concelleira de Xuventude, Novas Tecnoloxías e Medios de Comunicación, Dalia García; e o concelleiro de Promoción Económica e Turismo, Santos López; e que serviu para dar a coñecer a nova sede electrónica do Concello, promovida pola Deputación, e que facilita que os veciños poidan acceder a servizos municipais a través da Rede a calquera hora do día. Deste xeito facilítase o rexistro de solicitudes como a presentación de instancias, solicitude de subvencións, queixas, suxestións, volantes e certificados de empadroamento e actividades culturais... todo un abano de servizos para a cidadanía.
Antonio Cañás, deputado provincial, quixo destacar o grande esforzo que están a facer os concellos da dimensión de Melide para pór en marcha estas infraestruturas telemáticas, mentres que Dalia García salientou a inmediatez desta iniciativa de cara á xestión diaria do organismo municipal.
Para poder acceder a esta nova sede electrónica do Concello de Melide é preciso contar con DNI electrónico ou certificado dixital, como acontece con outros servizos das Administracións Públicas.

PUBLICIDADE