O Concello de Mos lanza aplicación móbil ao servizo da veciñanza

mércores, 6 de xuño do 2018 Fernando Sarasketa

O Goberno local de Mos vén de pór en marcha unha aplicación móbil para manter á cidadanía informada en tempo real de todo o relativo ás novidades do Concello e a actividade municipal. Trátase de Bandomobil, que tamén salienta por abrir vieiros de colaboración coa veciñanza en materia de comunicación de incidencias e de envío de suxestións.
A ferramenta, que foi presentada onte na Axencia local de Colocación (mostrando aos veciños como baixar a aplicación nos seus smartphones, como instalala e como tirar proveito da mesma e das súas diferentes utilidades), vén da man da Concellería de Novas Tecnoloxías que dirixe o edil Óscar Soto. Segundo informou, “trátase dunha nova ferramenta que vai que a cidadanía estea informada as 24 horas do día de calquera aviso ou información emitida dende o Concello”.
Á a súa vez, como dixemos, esta ferramenta dispón dun servizo de comunicación directa de incidencias, propostas e consultas municipais, “de xeito que as usuarias e os usuarios poidan enviar comunicacións sobre a caída dun árbore, sobre o mal estado de beirarrúas, ou sobre molestias por ruídos, entre outras moitas cousas”, engadiu o concelleiro, explicando que ao devandito tamén se engaden as posíbeis propostas de mellora sobre equipamentos locais ou servizos que a veciñanza desexe facer.
Soto explicou a este respecto que “debido a que hoxe en día o uso do móbil está tan estendido, esta aplicación terá unha utilidade sinxela, e de grande alcance para tódolos usuarios que se animen a instalala e usala nos seus dispositivos”. O obxectivo, sinalou, é que todo o mundo estea informado de forma instantánea de todo o que aconteza no municipio; ao tempo que “sexa unha ferramenta que promova a interactividade entre a administración local e o seus habitantes, impulsando a proximidade e a mellora dos servizos e prestacións municipais”.

PUBLICIDADE