O Concello de Negreira da boa acollida aos servizos de R

martes, 15 de xullo do 2008 Raquel Noya

O operador galego de fibra óptica, R, vén de facer a súa parada no Concello de Negreira coa integración dos seus servizos de telefonía, Internet de alta velocidade, televisión dixital e móbil, en máis de 2.600 fogares e empresas.
En total, as obras de canalización para a conexión directa á rede de fibra óptica deste operador compóñense de 3,68 quilómetros de obra civil e de 3,08 quilómetros de fibra óptica (o despregamento total previsto), para os que se precisarán de 1,48 millóns de euros de investimento total.
Ademais dos servizos habituais, R ten previsto colocar unha cabina telefónica na rúa Castelao abrindo así o servizo de telefonía pública á libre competencia no Concello.
Grazas á “nova e potente” rede de fibra óptica que R está a construír, rúa a rúa, os habitantes de Negreira disporán de chamadas de balde a todos os fixos nacionais e de Internet de alta velocidade constante por fibra óptica.
Asemade, R dispón dun novo servizo de televisión dixital interactiva con calidade de imaxe e son dixitais por fibra óptica, máis dun cento de canles, guía e miniguía electrónicas de programación e múltiples posibilidades de interactividade.
A conexión do Concello de Negreira á rede troncal de fibra óptica de R enmárcase dentro do acordo firmado entre o operador galego e a Consellería de Innovación e Industria da Xunta de Galicia para que a banda larga chegue a toda a xeografía galega.

R na provincia de A Coruña

Nestes momentos R ten na provincia 112.200 clientes de fogares e locais empresariais. Ademais de dar servizo en Negreira, R está presente tamén na Coruña, Santiago, Ferrol, Oleiros, Culleredo, Cambre, Arteixo, Ames, Betanzos, Narón, As Pontes, Cedeira, Carballo, Fene, Laracha, Malpica, Miño, Ordes, Oroso, Padrón, Pontedeume, Ribeira, Sada, Bergondo, Arzúa e Boiro. Nestas localidades, xunto con Negreira, o operador galego leva investidos preto de 295 millóns de euros.
Asemade, R está a despregar a súa rede noutras localidades coruñesas que disporán da súa oferta antes de que finalice o 2008. Trátase de Brión, Mugardos, Neda, Melide, Arzúa, Noia, Ponteceso, Pontecesures, Rianxo, Teo, Carral e Abegondo.
Cando se complete o despregamento da fibra óptica en todas as cidades da provincia de A Coruña incluídas no plan de R, terase investido un total duns 337 millóns de euros que lles permitirán a uns 412.700 fogares e locais empresariais quedar preparados para recibir os servizos do operador galego.

PUBLICIDADE