O Concello de Poio renova o seu portal web

martes, 16 de decembro do 2008 Raquel Noya

Ata 270.000 euros tivo que investir o Concello de Poio na súa páxina web para que esta non quedara obsoleta e puidera permitirlle aos seus cidadáns realizar xestións sen ter que achegarse persoalmente ata a casa consistorial.
A actualización desta infraestructura e a súa xestión supuxo un esforzo económico considerable para o concello pontevedrés, máis era preciso levalo a cabo para evitar que o portal deixara de ser de utilidade para os veciños da comarca.
O principal obxectivo desta modificación (que se cumpriu con creces) era axilizar os trámites burocráticos dos usuarios da web institucional así como “vender ao municipio”, mostrando a súa mellor cara, sobre todo de cara ao sector turístico.
Entre outras cousas, Poio dixital pretende, con este cambio, ofrecerlle aos veciños do concello a posibilidade de solicitar licenzas ou pagar tasas a golpe de rato, evitando ter que desprazarse ata alí máis, de momento, tan só se poden descargar algúns formularios (como por exemplo o que se require para darse de alta no padrón) ou facer consultas xerais.
Os responsables desta aplicación, sabedores de que non tódolos veciños están capacitados para entrar na web e navegar polos seus contidos, remitiranlle a cada veciño poiense un documento no que se detallan os pasos para entrar na web e dar cos distintos servizos ofrecidos.

Ligazóns de interese

Como apuntamos anteriormente, destacar no sector do turismo é un dos obxectivos da nova ferramenta en liña do Concello de Poio polo que ésta conta con ligazóns directos cos espazos de Internet de Turismo Rías Baixas, Terras de Pontevedra e Turgalicia.
Asemade, a web conta cunha ligazón directa ao espazo de radio local (101.7 FM) e ao mosteiro de Poio, un dos monumentos máis emblemáticos da comarca.

PUBLICIDADE