O Concello de Pontevedra convida ós grafistas a participar na creación Fondo Documental do Deseño Galego

martes, 2 de xaneiro do 2007 Fernando Sarasketa

Os internautas galegos vinculados ó deseño e á comunicación social teñen moitas opcións estes días de atopar nas súas contas de correo electrónico unha tarxeta virtual que os convide a participar no Fondo Documental do Deseño Galego, unha proposta do Concello de Pontevedra enmarcada no programa Interreg II.
Esta iniciativa, se cadra unha das máis salientables dende o punto de vista artístico da tempada (tratándose como se trata dunha proposta institucional), tamén inclúe a organización de dúas interesantes mostras, chamadas Deseña Galiza e Icono Galiza, que se celebrarán ó longo do mes de marzo deste ano no casco antigo da cidade do Lérez.
Un dos puntos fortes da devandita proposta para constituír o Fondo Documental do Deseño Galego ten que ver coas súas estreitas ligazóns co virtual. É dicir: os responsables do proxecto animan ós internautas a presentar os seus traballos creativos a través da páxina web habilitada con este fin, cooperando deste xeito “na posta en valor do deseño como parte da cultura contemporánea”.
Cómpre sinalar que a participación é libre, así como a retirada. O abano de categorías é amplo entre un extremo e outro: deseño editorial, publicitario, de difusión cultural e xornalístico, imaxe corporativa para empresas, institucións ou actividades de difusión cultural, marcas de alimentación, packaging, marcas téxtiles, ilustracións (infantil, humorística ou publicitaria), sinalética, produtos senlleiros, fotografía publicitaria, xornalística ou de reportaxe e infografía.

PUBLICIDADE