O Concello de Rianxo e os empresarios locais xuntan forzas para lanzar Mercarianxo.gal
venres, 11 de setembro do 2020
Sumar
forzas contra a crise sanitaria e económica e facelo botando das
ferramentas (as tecnolóxicas) que axudaron a moitas empresas, moitas
familias e moitos cidadáns a manter a súa actividade
económica-formativa-informativa durante o máis cru da crise da
COVID. Este é o alicerce da plataforma Mercarianxo.gal,
que se presentou nos seus detalles ante o tecido produtivo local este
venres no salón do plenos do Concello rianxeiro, un portal de
ecommerce no que envorcaron esforzos o Goberno local e máis a
Asociación Rianxeira de Empresarios e que irrompe no panorama online
con dúas vertentes complementarias: un gran escaparate virtual e
máis un marketplace.
Por
unha banda, o escaparate virtual vai permitir que tódolos negocios
de Rianxo estean localizados nun mesmo dominio a través do cal
poidan amosar e promocionar produtos e servizos, novidades, ofertas
ou promocións especiais, etc. “A finalidade deste escaparate
virtual”, sinalaron a ARE e máis o Concello, “é facilitar a
localización de empresas, produtos e/ou servizos por parte dos
rianxeiros co obxectivo de que busquen aquilo que precisan nos
negocios da vila antes de realizar as súas compras online ou
fóra da vila”.
A
outra vertente da plataforma é un marketplace que permitirá
que aqueles comercios que o desexen poidan vender en liña os seus
produtos “aumentando así as súas opcións de negocio e as súas
ventas”. Nesta parte do proxecto terán cabida todo tipos de
comercios, incluso a alimentación, e tamén a hostalería. Ademais,
incluiranse os servizos de recollida de pedidos no propio
establecemento e a entrega no domicilio.
O
Concello e ARE informaron de que a parte do proxecto que está
arestora en desenvolvemento, a creación da plataforma que vai
albergar o escaparate virtual e o marketplace, vai ser levada
a cabo pola asociación de empresarios, contando para este fin cunha
subvención da Xunta de Galicia coa que se financiará parte do
investimento.
No
acto celebrado hoxe ante a cidadanía e os comerciantes
informóuselles de que en vindeiras datas comezarase a facer
contactos cos negocios locais para “ilos informando do proxecto e
comezar a incluír na plataforma a información de todos aqueles que
dean a súa autorización”.