O Concello de Rianxo remata a súa dixitalización e impulsa a súa modernización administrativa

martes, 26 de marzo do 2024 S. P.

No marco do proxecto Concello Dixital da Deputación da Coruña, dirixido a favorecer a transformación dixital das entidades locais da provincia, foron finalmente activados na Administración rianxeira novos procedementos de tramitación electrónica na plataforma TEDeC, e ampliouse o catálogo de servizos na sede electrónica municipal.
Segundo valorou a institución provincial, “a implicación e o esforzo de todo o cadro de persoal municipal resultou ser un factor decisivo no éxito do proceso de transformación dixital en Rianxo”.
O Concello barbanzán presentaba a semana pasada os resultados do seu proceso de transformación dixital, que, en palabras da Deputación, “arroxaron un alto grao de cumprimento na execución de todas as propostas”. Para garantir os obxectivos finais, desenvolvéronse con oito sesións de formación ao servizo das traballadoras e traballadores municipais e sete accións e soporte individualizado. A maiores, as traballadoras sociais municipais dispoñen xa da integración da Ficha Social Municipal coa Historia Social Única Electrónica, da Xunta de Galicia. Esta implantación permite xa reducir tempo e carga administrativa na Área de Servizos Sociais do Concello.
Concello Dixital é o conxunto de servizos de administración dixital que a Deputación da Coruña pon ao dispor dos concellos e entes locais adheridos ao proxecto. Neste marco de traballo realízase un proceso evolutivo e continuo de implantación da Administración Electrónica, así como a formación e acompañamento ao empregado público na súa adaptación aos novos procesos. Previamente a Rianxo, acadaron esta plena transformación tecnolóxica os concellos de Aranga e Padrón.

PUBLICIDADE