O Concello de Vigo puxo en marcha un servizo de recollida de material tecnolóxico e electrodomésticos

luns, 15 de xaneiro do 2007 Fernando Sarasketa

Tendo en conta o ritmo ó que cambiamos de teléfono móbil, equipo informático ou reprodutor de DVD, máis tarde ou máis cedo vannos asaltar as seguintes dúbidas: que pasa con todo o lixo tecnolóxico que xeramos? Cara a onde vai dar? Estase a facer algo dende as administracións?
A esta última pregunta, a xulgar polo que vemos nos medios de comunicación e pola información recibida e achegada polos internautas en xeral, podemos responder do seguinte xeito e sen medo a queimarnos a lingua: moi pouco.
Se a isto lle engadimos o moito que nos gusta ós galegos desfacernos de todo tipo de desperdicio abrindo a xanela do coche ou botándonos ó monte coa furgoneta, entón a situación semella máis que preocupante.
Neste senso, todo hai que dicilo, o Concello de Vigo semella que vén de marcarse un tanto coa posta en marcha dunha iniciativa para recoller produtos electrónicos obsoletos. O proceso de recollida deste material, que se leva a cabo a través do servizo de limpeza, consiste na habilitación de varios depósitos para recoller computadores, móbilles, impresoras, reprodutores de música, vídeos, electrodomésticos en xeral ou calquera outro aparello ó que xa non lle atopemos función no fogar ou na oficiña.

O colector principal está no barrio de Santa Cristina, segundo informa estes días Ingobernable. Cómpre sinalar que o Concello tamén puxo a disposición dos cidadáns un teléfono por se estes requiren un servizo a domicilio e co fin de concretar data e lugar de recollida: 986 281 900.
A pregunta que nos podemos facer é: que vai facer o Goberno local con estes electrodomésticos? Todo apunta a que o almacenamento será solución provisonal e que logo se porá en marcha un tratamento específico por determinar aínda e en posible colaboración coa Xunta de Galicia. O servizo leva operando dende o 2 de xaneiro e incluirá en breve até nove puntos de recollida.

PUBLICIDADE