O Concello e a Universidade organizan unha xornada de portas abertas para que a cidadanía coñeza a Cidade das TIC

luns, 5 de outubro do 2020 S. P.

O Concello e a Universidade da Coruña organizan este venres 9 de outubro unha xornada de portas abertas á futura Cidade das TIC, a antiga Fábrica de Armas, coa fin de que “a veciñanza coñeza por dentro as naves construídas e todo o perímetro restante que servirá en Pedralonga á tecnoloxía e ao coñecemento”. Organizaranse ata tres quendas de visitas programadas, que se van celebrar de 10.00 a 12.00, de 12.00 a 14.00 e de 16.00 a 18.00 horas. En cada grupo participarán 20 persoas como máximo. As persoas interesadas poden apuntarse a través dunha ligazón específica habilitada en Ticketing Coruña.
A idea é permitir á sociedade coruñesa percorrer e coñecer, cun roteiro previamente establecido, a instalación da antiga Fábrica de Armas, cedida á Universidade da Coruña polo Ministerio de Defensa para desenvolver o proxecto da Cidade das TIC, o campus científico tecnolóxico impulsado pola Universidade da Coruña e o Clúster TIC de Galicia. Para a actividade, seguiranse todas as medidas contra a COVID-19 esixidas pola Xunta.

PUBLICIDADE