O Concurso de Produción Audiovisual de CeMIT xa ten gañadoras/es

mércores, 12 de decembro do 2012 Redacción

O Plan de Dinamización 2012 da Rede de Centros para a Modernización e Inclusión Tecnolóxica de Galicia (CeMIT) vén de dar a coñecer o resultado do Concurso de Produción Audiovisual, unha iniciativa inserida no dito Plan de Dinamización da Rede CeMIT. O concurso en cuestión, promovido pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), nace coa vontade de dar o merecido recoñecemento aos traballos dos alumnos/as do Curso de Produción Audiovisual levado a cabo entre outubro e novembro nas aulas CeMIT de 39 concellos galegos. Emporiso, os premiados/as foron tres: Patricia Costas Salgueiro (da aula CeMIT de Vigo) polo mellor guión literario con La dictadura de lo ajeno, Henar Alonso Lomba (da aula CeMIT de Tui) polo mellor guión técnico con A viaxe de Uxía; e Francisco Javier Pita (da aula CeMIT de Pontedeume) pola mellor montaxe con Deja Vu.
Dicir que foron 326 traballos os que se presentaron nas categorías de mellor guión técnico, mellor montaxe e mellor guión literario, sendo os premios recibidos polos gañadores un netbook para o mellor guión técnico, un reprodutor blu-ray para o mellor guión literario e unha videocámara dixital para a mellor montaxe. O xurado encargado de elixir aos galardoados estaba composto entre outros polo profesor do curso de produción audiovisual, quen valorou a orixinalidade, a creatividade, o tratamento do tema, o esforzo e a dificultade.
Cómpre engadir que ao longo da actividade, que durou 60 horas, os asistentes tiveron que pasar todas as fases propias da elaboración dun produto audiovisual, deténdose máis na edición de audio e vídeo. No curso de Produción Audiovisual empregouse o sistema de videoconferencia e videocolaboración das 39 aulas CeMIT participantes, facendo isto posible a comunicación entre todos os participantes en tempo real a través de imaxe, chat, etc.

PUBLICIDADE