O Conficker pode afectar hoxe a millóns de ordenadores desprotexidos

mércores, 1 de abril do 2009 Raquel Noya

Un día coma hoxe, primeiro de abril, ademais de prestarse como ningún outro para que internautas, medios de comunicación en liña ou servidores, poidan facer as bromas que lles veñan en gana sen ter que temer recriminacións por elo (sobre todo se se atopan en países como EEUU, Portugal…) tamén é un día moi propicio para que os hackers poidan infectar todo ordenador que collan por diante sen que lles escorra unha soa gota de suor pola fronte.
Este ano, a pesar dos moitos antivirus, anti-spyware, e softwares similares que hai no mercado para parar as distintas plagas, o verme informático coñecido como Conficker, que leva infectados millóns de ordenadores en todo o mundo dende novembro de 2008, vén de actualizarse hoxe mesmo, e ameaza con causar problemas en forma de correos lixo, mensaxes de phishing (con contidos fraudulentes e roubo de información persoal), e outras actividades con moi malas intencións.
Os expertos de Symantec Security Response, a compañía especializada en virus e programas espía, veñen de anunciar que están a monitorizar a situación de xeito “minucioso”, analizando constantemente a ameaza e o impacto potencial que pode ter para os consumidores, xa que, aseguran, “moitos estarán sen protección para o Conficker”.
Pese a afirmar que “aínda non está claro se o ataque agardado é unha broma” deste Día dos Inocentes anglosaxón levada a cabo polos encargados de elaborar o virus, os expertos coinciden en recomendar a comprobación e a actualización dos sistemas de seguridade dos nosos ordenadores, posto que, “pode convertirse nun problema de seguridade xeralizado”.
A ameaza do Conficker obtén o máximo proveito dunha vulnerabilidade de Microsoft Windows (MS08-067) para instalarse e executarse por si mesmo. O “verme” intenta propagarse copiándose en carpetas compartidas en redes (tamén compartidas) e consigue infectar incluso a dispositivos USB como lápices de memoria…
Os ordenadores con maior risco son aqueles que funcionan con sistemas operativos Windows XP e Windows Vista non configurados para recibir actualizacións por parte de Microsoft, así como aqueles equipos que non teñan actualizado o seu software de seguridade.
A fin de axudar aos clientes e internautas que crean ter sido infectados, a devandita compañía vén de por a disposición de calquera interesado o programa Symantec FixDownadup.exe para eliminar este código malintencionado, que está a disposición dos usuarios a través da web Conficker World Group.
Asemade, a compañía lembra que para estar totalmente protexidos, os usuarios e usuarias deberán descargar tódolos parches do seu sistema operativo empregando Windows Update para descargalos, e ofrécelle de balde unha versión de Norton Internet Security 2009 ou a 3.0 de Norton 360.

PUBLICIDADE