O Congreso Ineo apostou pola rivalidade cooperativa para loitar contra a crise

luns, 10 de novembro do 2008 Fernando Sarasketa

De esquerda a dereita, Jorge Cebreiros (presidente de Ineo), Juan Carlos Gafo (Presidencia do Goberno) e Norberto Penedo (IGAPE)

A representación dunha crise pódese facer de moi diversos xeitos: en positivo, en negativo ou a través dunha ampla escala de grises que oscilan entre un e outro punto. O sector empresarial das novas tecnoloxías, se cadra por estar afeito aos constantes cambios de rumbo do mercado, semella un dos máis optimistas ao respecto. Neste senso, a óptica adoptada por unha boa parte do sector é a óptica chinesa. Ou sexa: a de ter sempre en conta que todo concepto de crise vai ligado por norma ao de oportunidade, tal e como se reflicte no ideograma que representa á crise na dita cultura. De oportunidades, puntos de inflexión e portas que se abren se falou de abondo a semana pasada durante o transcurso do Congreso Europeo Ineo, unha xuntanza empresarial organizada pola asociación galega co obxectivo de afianzar á nosa terra no mapa TIC.
O encontro, que serviu para establecer todo tipo de contactos entre empresarios e profesionais de Galiza, España e Europa, foi positivo na forma (abríronse novas vías para a participación e contouse coa presenza activa de ducias de expertos) e no contido (apenas foi preciso lanzar mensaxes de optimismo, porque este xa se daba por sentado). O Congreso Ineo, que se celebrou na Toxa, foi un si mesmo unha mensaxe: desenvolveuse na liña da colaboración e da competitividade. Esa achega en concreto de organizadores e participantes foi a conclusión fundamental do encontro: para solucionar unha crise, nada peor que ficar en solitario na teima de abranguer máis mercado. Por dicilo así, a rivalidade san é sinal de boas relacións. Este foi precisamente o modelo polo que se apostou no Congreso Ineo.

Foco de atracción de profesionais

A xuntanza, nos seus obxectivos de situar a Galiza no mapa TIC, foi pensada polo miúdo. Así nolo contou Jorge Cebreiros, presidente da Ineo, a moi poucos minutos da clausura do evento: “A nosa idea foi procurar e identificar as tecnoloxías que abrollan no mercado internacional, buscar aos seus representantes e traelos para que falasen dos seus casos de éxito, da teoría e da práctica, en definitiva: de oportunidades de negocio”. Este labor de atracción de profesionais, engadiu, non só foi dirixido a beneficiar ao tecido TIC galego senón á nosa sociedade por enteiro. “Queremos que este congreso”, puntualizou, “sirva para ver polo miúdo o que acontece nos lugares que nos poden servir de inspiración, como por exemplo Israel, Letonia ou Finlandia, países con algunha que outra característica común con Galicia e que poden achegar claves ou conceptos xerais dos que logo nós podemos tirar proveito, adaptándoos ás necesidades que nos son propias”.

Temáticas e formatos

Ao longo das dúas xornadas de congreso, o traballo colectivo de uns e outros centrouse sobre todo en temas como as novas ordes de Internet (Web 2.0 pero tamén 3.0), loxística, mobilidade, seguridade, evolución de contidos multimedia ou contornas de virtualización. A organización, tendo en conta as cuestións tratadas (case todas elas vinculadas a contornas de traballo onde se colabora ombro con ombro e se participa de xeito activo), quixo que as canles de comunicación fosen o máis acordes posibles. A xuízo de Jorge Cebreiros, aquelas foron especialmente participativas, abertas e prácticas.

Crises, nunca máis

Se hai algo que se sabe a ciencia certa da crise é que dificilmente se poderá superar actuando de xeito individual. Isto é aplicable a todos os eidos e sectores, e máis aínda ao das novas tecnoloxías da información. Este ámbito empresarial, que en palabras de Jorge Cebreiros non sufre as crises en primeira persoa (nin tampouco goza de maneira directa dos éxitos económicos), móvese e evoluciona de xeito diferente a unha boa parte dos demais. Por dicilo así, achega tempos de vida concentrados. Todo acontece en menor tempo: “Dise que a economía vai mudando, que é cíclica, pero nada hai que cambie máis que as novas tecnoloxías da información”, comentou o presidente de Ineo, co fin de achegar unha idea sobre as posibilidades do tecido TIC galego. Ao seu xuízo, o ritmo do sector pode ser un hándicap (obriga a ser máis competitivo e a estar máis alerta) pero tamén unha vantaxe: as firmas TIC están especialmente preparadas para adaptarse aos cambios de rumbo. Tanto Cebreiros como o resto dos participantes na xuntanza coincidiron neste punto e, tamén, no mellor xeito de levalo á práctica: cooperando. Neste senso, o panorama TIC do ámbito europeo é semellante (salvando as lóxicas distancias) a unha estratexia militar previa á contenda, con diferentes frontes agrupándose e establecendo ligazóns con outras frontes. O seu sistema de organización non é outro que as colectividades, as asociacións e os clústers, tecidos de colaboración onde é posible xerar a infraestrutura apropiada para o desenvolvemento de iniciativas empresariais innovadoras. O necesario, neste caso, é facer compatible a rivalidade e o traballo en cooperación: “Esquecer que as empresas do teu ámbito son as túas competidoras é a mellor forma de ser competitivo”, engadiu Cebreiros. E rematou: “Isto é o que estamos a facer en Galicia dentro da Asociación Ineo”.

Participantes de primeira liña

En boa medida, os participantes relatores do Congreso Ineo coincidiron cos organizadores: a crise, aínda que grave, ten solución. Son moitos os sinais que advirten da forte recesión económica (sinais que os especialistas xa teñen detectado dende hai máis de dous anos), e o sector das TIC tamén ten emitido algún que outro. A fin de contas, non se trata dunha illa. No eido dixital, como no resto da economía, se están a vivir dous tipos de crises: por unha banda a real e, pola outra, a inducida ou ficticia. Sinalar que combater a primeira é en boa medida máis doado que facelo contra a segunda. O paradoxo reside no seguinte: parte da culpa de que se teña creado certa psicose (en certa maneira, profecía autocumprida) tena precisamente a Sociedade da Información. Entre ela e os métodos tradicionais de mensaxe de contidos o coñecemento transfórmase en inforxicación. Así o entenderon relatores como Martín García Vaquero (director do Foro de Innovación) ou Rudy Bianco (responsable da firma Vi-Clone e da ferramenta do mesmo nome que posibilita unha navegación en Rede a través do uso da voz), para quen está claro a crise, aínda que real, está a afectar a decisións que non tería porqué afectar. “O negativo é máis doado de colectivizar”, sinalou Bianco no transcurso das xornadas non-oficiais do segundo día das xornadas, e proseguiu: “Por moito que haxa unha gran empresas falando do bo que é o iPhone, finalmente se os usuarios ben comunicados falan mal del, entón é máis que probable que se deixe de vender”. Ao seu xuízo, “o que se di na televisión sempre acaba por acontecer ao día seguinte”. Bianco, que participou arreo nestes foros dando a coñecer os segredos da revolucionaria ferramenta Vi-Clone, amosou o seu acordo cunha boa parte dos participantes á hora de encarar a crise no senso dunha porta que se abre e, sobre todo, dun modelo que cambia. No caso español, o modelo da súa economía en xeral, cun tecido TIC que debe cooperar de xeito máis estreito (competindo e facendo fronte común, impulsando innovación) e cun sistema produtivo na súa totalidade que debe xirar, á súa vez, cara ao coñecemento. Dito doutro xeito: fai falla producir valores exportables e menos ladrillo. E as novas tecnoloxías, a menos que se demostre o contrario, xa nacen sendo exportables.
Máis polo miúdo, sinalar que no Congreso Ineo participaron entre outros Carlos Marquerie (Capgemini Consulting), Christian Barrios (presidente da Xunta Directiva. Software Associates Corporation), Javier Fernández-Sanguino (consultor de Gesfor), José Vences Benito (director de Enxeñería. SATEC), José Manuel Rey (Alter Itinere), Isabel Fernández Peñuelas (FatWire Software), Diamantino Pérez. (Capgemini Iberia & Latam), Carmen López. (BBVA), Miguel Ángel Jiménez Izquierdo (BPM/SOA), José Manuel Azcona (xerente Legacy Modernization). Software), Asbjørn Hovstø (presidente da firma norueguesa Portahead), Daniel González (Ericsson), Rudy Bianco (CEO Empresa Vi-Clone), Eugenio Martínez Falero (presidente de ACAP), Norberto Penedo Rey (IGAPE) e Juan Carlos Gafo Acevedo (director do departamento de protocolo. Secretaría Xeral de Presidencia Goberno de España).

PUBLICIDADE