O Consorcio de Santiago e a USC porán en liña unha boa parte dos documentos históricos máis salientables da cidade

xoves, 5 de xullo do 2007 Fernando Sarasketa

De todas as ferramentas desenvolvidas para conservar e divulgar documentos históricos as novas tecnoloxías da información (TIC) semellan as menos malas ou, polo menos, as que permiten combinar máis axeitadamente a preservación e a difusión. Deste xeito, coa dixitalización de arquivos e a súa consecuencia máis ou menos natural, a posta en Rede, acadaríamos o que hai anos semellaba imposible: conservar documentos (salvagardados en copias perante posibles accidentes e desgaste de consulta directa) e “democratizalos”. Xusto dese punto é de onde partiron os arquivos Universitario, Catedralicio e Diocesano de Santiago para, coa axuda do Consorcio, poñer en marcha o Proxecto Urbe, orientado a inventariar, catalogar, dixitalizar e publicar en liña as fontes documentais de interese para a historia da capital de Galiza.
A iniciativa, que tanto vai encamiñada a axudar á comunidade científica e investigadora como a achegar información á cidadanía por enteiro, foi presentada este xoves 5 na sé do Consorcio nun acto que contou coa presenza do profesor da USC Fernando López Alsina, quen afondou polo miúdo nos detalles humanos e técnicos da proposta.
A idea ten, como dixemos, o seguinte alicerce: tendo en conta o legado histórico de primeira orde de Compostela, que ferramentas serían as máis idóneas para poñelo en valor? Os traballos, que xa están en marcha cubrindo un período de catro anos prorrogable (todo indica a que será un traballo aberto e continuo no tempo), son de gran envergadura. Para comezar, o proceso (que segundo López Alsina facilita a inserción laboral de estudantes da USC vinculados á Historia e a Arquivística) xa xira hoxe arredor do tratamento e da dixitalización dos protocolos notariais, que son os documentos que mellor reflicten a vida da cidade e que, ademais, cobren un amplo período histórico: o comprendido entre o século XIII e a fin do Antigo Réxime. “Neles”, comentou López Alsina, “podemos atopar todo tipo de información, até a que hoxe nos parece ben insólita”. E prosegue: “Con estes materiais podemos facer estudos de urbanismo, arquitectura ou socioloxía”. Ademais, sinala, aparece toda a realidade urbana de Santiago: a historia económica (os oficios, os gremios), a social (ligazóns familiares, xenealoxías) e a cultural (bibliotecas, formas de relixiosidade, encargos de misas, doazóns). Neste intre estanse a tratar uns 220 libros de documentos de notarios de número no Arquivo Catedralicio e até 2.500 no Universitario. A cifra de imaxes que se poden consultar xa no sitio web do Universitario www.usc.es/arquivo/index.php é de máis de 1.000.000 a día de hoxe. Aí poderemos ver unha manchea de testamentos, por exemplo os redactados polos notarios do Hospital Real, documentos feitos en boa medida polos peregrinos procedentes de toda Europa e que morreron aquí.
O equipo de traballo para o desenvolvemento do Proxecto Urbe está constituído por un grupo de documentalistas e arquiveiros dirixidos polo profesor Fernando López Alsina e coordinados por Juan Conde Roa.
Na imaxe, de El Correo Gallego, a Biblioteca América da USC.

PUBLICIDADE