O Copilot de Microsoft estrea versión de pagamento

martes, 16 de xaneiro do 2024 Marcus Fernández

A emerxencia da intelixencia artificial deixaba claro dende o primeiro momento que precisaba de grande potencia de computación, de aí que para poder tirar proveito da meirande parte de servizos fose preciso pagar para poder acceder ás funcionalidades completas, e neste liña Microsoft vén de lanzar Copilot Pro, unha versión do seu asistente de IA que non se limita a empresas (como acontecía até o momento coa versión de pagamento de Copilot) senón que pode contratarse por parte de particulares, creadores e usuarios avanzados que queiran tirar un grande proveito de Copilot, para o que terían que pagar 22 euros/mes.
Copilot Pro dá acceso prioritario a GPT-4 e GPT-4 Turbo durante as horas punta e ofrece a posibilidade de crear GPT personalizados (ou sexa, que vén a ser algo semellante a contratar ChatGPT Plus), acelera a creación de imaxes de IA con DALL·E 3 en formato horizontal con 100 impulsos ao día con Designer e, como grande novidade, desbloquea o uso de Copilot en Word, Excel, Outlook, PowerPoint e OneNote para crear, editar e facilitar comunicacións máis áxiles.
Deste xeito, os usuarios de Copilot Pro poden aproveitar a IA para redactar documentos, resumir correos electrónicos, crear presentacións e moito máis.
Este lanzamento chega inicialmente a Alemaña, Australia, Austria, Brasil, Canadá, Estados Unidos, Francia, India, Italia, Xapón, México, Nova Zelandia, Reino Unido, Suíza e España, sorprendendo que entre a listaxe estean varios países europeos, o que pode dar a entender que Microsoft xa superou adaptou o seu Copilot ás esixencias europeas en cuestión de protección de datos persoais.

PUBLICIDADE